Martes 19 de Novembro de 2019

Beatriz Bascoy reunirase a semana que vén co director da AXI para achegarlle as demandas do Concello sobre o plan de mellora da AC-862


 

A Xunta publicou este mércores o proxecto de mellora da capacidade e da seguridade da estrada de Ortigueira, principal vía de comunicación que suca o territorio de Moeche. Unha infraestrutura á que agora se lle ten previsto rectificar curvas, darlle sobreanchos nalgunhas zonas e dotala de novos carrís para vehículos lentos, ademais de reconfigurar a súa sinalización horizontal e vertical. No caso de Moeche actuarase sobre un trazado duns 5,4 quilómetros desde o núcleo municipal até o lugar de Trieiro, en Abade, para despois continuar por Cerdido e, nunha segunda fase, até Ponte Mera. O Goberno Local está xa estudando o deseño proposto pola Xunta de cara a comprobar ata que punto se atenderon as demandas municipais, trasladadas a finais do ano pasado nunha xuntanza con responsables da Consellaría de Infraestruturas e da AXI. A primeira vista semella que algunhas delas non se incorporaron, razón pola que o Concello manterá un novo encontro coa dirección da Axencia Galega de Infraestruturas a semana que vén.

Hoxe empeza a contar oficialmente o período de 30 días hábiles que rematará o próximo 28 de novembro para que calquera persoa poida formular observacións ao proxecto deseñado pola Xunta e, en paralelo, para que se poidan presentar as alegacións correspondentes en canto a predios que se vexan afectados polas obras.

O Diario Oficial de Galicia recolle as referencias catastrais de todas as leiras. Son un total de 17 parcelas que será necesario tocar co novo trazado, con superficies expropiadas que van desde os 2 metros cadrados até os máis de 1.000. O deseño que está agora en prazo de alegacións presenta modificacións sobre o actual percorrido, principalmente, polo lado dereito da estrada en sentido Ortigueira.

Máis que nada trátase de endereitar as curvas máis pronunciadas e darlle máis tamaño á plataforma nalgúns puntos, aínda que tamén se contempla a construción dunha glorieta no cruzamento de San Ramón -fronte a Mapfre- para reordenar as incorporacións desde a Sanguiñeira e desde a rúa 23 de Abril.

Tras un primeiro repaso ao documento dispoñible na web da AXI desde onte mesmo, o Executivo local apunta que «semella que non se inclúen algunhas das demandas comentadas na reunión que mantivemos no 2018 na AXI en Coruña», observou Beatriz Bascoy. O Concello xa lle trasladara daquela á axencia demandas que incidían na «redución da sinistralidade que presenta a AC-862 ao seu paso por Abade» e, nese sentido, a necesidade de «facilitar o acceso con seguridade desde a estrada aos centros cuturais e espazos deportivos en Trieiro ou incrementar a seguirdade para os peóns en Balocos e especialmente en varios tramos de Abade». A alcaldesa recoñece, porén, que fóra deste proxecto se acometeron «melloras puntuais» que lle permitiron ao consistorio «instalar marquesiñas para os escolares e darlle resposta a vellas demandas veciñais».

Para falar das cuestións pendentes e doutros cambios que poida suxerir o estudo detallado do proxecto, a alcaldesa ten concertada unha reunión para o mércores da semana que vén co dirección da AXI en Santiago «co obxectivo de, ademais de presentar as correspondentes alegacións no prazo establecido, achegar e comentar as moi necesarias melloras en diferentes puntos ao paso por Moeche en materia de seguridade e que se inclúan na versión definitiva», explica Beatriz Bascoy.

A rexedora considera «positivo» que se vaia actuar na estrada «tras moitos anos de espera», xa que se trata da «única infraestrutura principal para o transporte por estrada dos nosos municipios». En tono escéptico, Bascoy tamén agarda que a Xunta «non pretenda substituír con esta actuación a tan demorada e necesaria Vía de Altas Prestacións. Os recursos destinados á VAP e os pasos dados ata o momento non permiten ser moi optimistas e aínda estamos agardando pola comisión de seguimento que a Consellería acordou cos alcaldes no 2016».

Con respecto ao proxecto que agora está en exposición pública, as persoas titulares dos bens afectados pola variación do trazado e das características da AC-862 poden consultar a información na propia sede da AXI, en Santiago de Compostela, ou no Servizo de Infraestruturas da Coruña. A separata do proxecto -onde figuran os planos e as fichas de cada leira- tamén se encontra para consulta pública nos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido, polos que discorrerá a primeira fase dun plan de maior envergadura comprendido entre a AG-64 e o núcleo de Ponte Mera. Segundo adiantou onte en Ferrol a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a Xunta conta poder licitar as obras a comezos do ano que vén, aínda que para iso cumprirá resolver primeiro todas as alegacións que se presenten.