Domingo 25 de Outubro de 2020

O Concello e a RAG afianzan a súa vontade de colaborar na defensa da lingua


A alcaldesa Inés Rei e o concelleiro Jesús Celemín visitaron a sede da rúa Tabernas nun segundo encontro desde a entrada da nova corporación en María Pita

A alcaldesa Inés Rey e o concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, foron recibidos esta mañá na sede da rúa Tabernas pola comisión executiva da Real Academia Galega (RAG) co presidente Víctor F. Freixanes á cabeza, nun segundo encontro no que afianzaron a súa vontade de colaboración entre ambas as dúas institucións.

A rexedora, que xa mantivo un primeiro encontro co responsable no pazo de María Pita no pasado mes de setembro, destacou a sensibilidade que desde o Goberno local teñen por axudar a que a entidade continúe traballando na defensa da promoción da lingua e recordou a relación histórica que ten a RAG coa cidade, onde naceu por ser berce da modernidade e o galeguismo. Pola súa parte, o presidente da academia espera que isto se concrete en proxectos conxuntos e valorou que o galego estea na actividade diaria municipal.

Durante a visita, Freixanes sinalou a importancia de que a institución conte cos apoios económicos da administración para chegar, sobre todo, ás necesidades e demandas das novas xeracións, que se incorporan á lingua e á cultura galegas.