Mércores 20 de Novembro de 2019

Novos talleres sobre biodanza e mobilización de pacientes


Están incluídos no programa Cuidadanas e impartiranse en Ordes
O programa Cuidadanas, levado a cabo pola Fundación Mujeres en colaboración co CIM da Mancomunidade de Ordes, pon en marcha dous novos talleres sobre biodanza e mobilización de pacientes.
No caso do de biodanza está destinado unicamente a aquelas mulleres que xa están participando no programa. As clases desenvolveranse os días 28 de outubro e 11 de novembro de 10 a 13 horas. O primeiro día será no local cultural situado na rúa Reconciliación, e o segundo no ximnasio Campomaior.
O taller de mobilización de pacientes estará impartido por persoal do Sindicato de Enfermería de Galicia. Realizarase o 8 de novembro, de 10:30 a 12 horas, na aula de formación da Cruz Vermella de Ordes, situada nos baixos da alameda. Neste caso a inscrición tamén se abre a aquelas mulleres que estean interesadas, aínda que non formen parte do programa Cuidadanas. A día de hoxe as interesadas xa se poden apuntar no CIM da Mancomunidade de Ordes, situado nos baixos da alameda.

En global o programa Cuidadanas vai o dirixido a mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas coidadoras non profesionais no ámbito familiar, complementándose con outros xa existentes e comprendendo obradoiros formativos como os xa citados. Tamén se inclúen actuacións informativas e de asesoramento, apoio psicolóxico e emocional, grupos de axuda e acompañamento a persoas maiores dependentes.