Mércores 26 de Setembro de 2018

Ethel Vázquez avanza o inicio da tramitación do plan reitor das Fragas do Eume para potenciar a súa conservación dun xeito compatible coas oportunidades económicas, turísticas e sociais


A titular de Territorio explica que este documento someteuse a unha rolda de consultas para coñecer a opinión de axentes implicados como alcaldes, empresarios ou veciños que viven na zona protexida e no seu contorno

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, adiantou que o seu departamento prevé elevar o Plan reitor do parque natural das Fragas do Eume ao Consello da Xunta en datas próximas para comezar a súa tramitación. Así o manifestou Ethel Vázquez na súa visita ao centro de recepción a visitantes deste parque, acto no que tamén estiveron presentes a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

A titular de Territorio indicou que dende a Xunta queremos potenciar e facer compatibles a conservación do medio natural e as oportunidades económicas, turísticas, sociais e culturais que ofrece este espazo. Precisou que por esta razón deseñouse o Plan reitor do parque natural das Fragas do Eume, un plan de uso e xestión que integra as necesidades de conservación e restauración cos aproveitamentos tradicionais.
Vázquez subliñou que o obxectivo último do seu departamento é contar cunha folla de ruta que valorice este espazo, conxugando a preservación da súa riqueza natural coas potencialidades que ofrece como destino turístico.
Ethel Vázquez explicou que este documento nos últimos meses someteuse a unha rolda de consultas para coñecer a opinión de axentes implicados como alcaldes, empresarios, propietarios e asociacións de veciños que viven na zona protexida e no seu contorno.

Divulgación da biodiversidade
O centro de recepción a visitantes do parque natural visitado hoxe contou cun investimento que supera os 450.000 euros, unha achega froito da cofinanciación entre a Xunta e La Caixa.
Estas instalacións dispoñen de 380 m² de superficie construída e albergan unha área expositiva e estancias destinadas á promoción turística e cultural.
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente trátase dun centro que está chamado a desempeñar unha función esencial de divulgación da biodiversidade e dos atractivos dun dos bosques de ribeira mellor conservados de Europa.
Cómpre lembrar que o parque natural das Fragas do Eume, que supera as 9.000 hectáreas de superficie, abrangue 5 concellos: Cabanas, A Capela, As Pontes, Monfero e Pontedeume. Esta contorna natural constitúe un dos principais reclamos turísticos desta comarca, un activo que desde o Goberno galego están a potenciar.