Luns 25 de Xaneiro de 2021

A Deputación e o Concello de Pontedeume financian a rehabilitación da escola unitaria de Centroña para recuperala como local sociocultural


Valentín González Formoso e Bernardo Fernández asinaron hoxe o convenio para financiar as obras, que suporán un investimento de 230.601 euros

O investimento enmárcase no plan do goberno municipal de recuperar as antigas escolas unitarias, que forman parte do patrimonio e a historia local, para destinalas a novos usos veciñais

A Deputación e o Concello de Pontedeume financian a rehabilitación da escola unitaria de Centroña para recuperala como local sociocultural
A Deputación da Coruña e o Concello de Pontedeume investirán 230.601 euros nas obras de rehabilitación interior e mellora da accesibilidade da antiga escola unitaria de Centroña para convertela nun moderno centro sociocultural completamente accesible.

Así se establece no convenio de colaboración asinado hoxe polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde eumés, Bernardo Fernández, no que se estipula unha achega da Deputación de 184.481,52 euros (o 80% do orzamento total das obras), mentres que o 20% será financiado con recursos propios polo Concello de Pontedeume.

O alcalde e deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, destacou que as obras enmárcanse no proxecto do goberno municipal de «recuperar varias das antigas escolas que forman parte do noso patrimonio e da nosa historia para destinalas a novos usos veciñais que contribúan a dinamizar a vida social e cultural das nosas parroquias», afirmou.

O edificio conta con 321 metros cadrados distribuídos en dúas plantas e as obras consistirán na renovación completa dos espazos interiores para adaptalo como centro sociocultural e mellorar a súa accesibilidade.

Na planta baixa habilitarase un espazo diáfano multifunción de 100 metros cadrados, así coma un baño, un office, un cuarto de limpeza e unha zona de almacén. Engádense ao inmoble dous pequenos volumes: un para mellorar a entrada principal e outro na parte posterior para instalar unhas escaleiras e un ascensor.

Na planta superior habilitaranse dúas salas multiusos de 54 e 33 metros cadrados, así como aseos, distribuidor, vestíbulo e office. As obras permitirán ademais facer un inmoble completamente accesible.