Mércores 20 de Novembro de 2019

A Deputación da Coruña aproba as bases do Plan Único 2020, cunha achega inicial de 47,2 millóns de euros para os 93 concellos da provincia


Dende a súa creación en 2017, o Plan Único permitiu aos concellos coruñeses impulsar 1.697 obras de construción e mellora de infraestruturas nos concellos coruñeses

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e abstención do PP, as bases reguladoras do Plan Único do vindeiro ano (POS+2020), que distribuirá inicialmente 47,2 millóns de euros entre os concellos coruñeses.

Trátase da achega inicial do Plan Único 2020, que como todos os anos irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio coa incorporación de remanentes, pero permite aos 93 concellos da provincia planificar os seus orzamentos municipais e investimentos de cara ao vindeiro ano, ao contar xa dende hoxe cunha previsión mínima de ingresos por parte da Deputación que poderán destinar, en función das súas necesidades, á execución de obras, ao financiamento de parte do gasto corrente dos seus servizos básicos, ou a sanear as economías municipais amortizando débeda con provedores ou entidades bancarias.

O Plan Único, creado en 2017 polo Goberno provincial que preside Valentín González Formoso, unifica os antigos plans de investimentos da Deputación da Coruña e 11 liñas de subvencións nunha única convocatoria anual, permitindo aos concellos non só unha mellor planificación, senón maior axilidade na tramitación, máis autonomía local para decidir en que invisten os fondos provinciais e total transparencia na asignación de recursos, xa que os fondos do POS+ distribúense en base a criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias e esforzo fiscal de cada concello.

Como novidade, as bases de este ano permiten, por primeira vez, que os concellos en situación de risco financeiro (cunha débeda viva superior ao 200% dos seus ingresos correntes, podan destinar ao financiamento dos seus gastos correntes a totalidade dos fondos que perciben do Plan Único, a excepción dos fondos de préstamo, que só poden ser destinados a investimento ou amortización de débeda.

Os 93 concellos da provincia teñen de prazo ata o 19 de decembro para solicitar á Deputación os proxectos que queren financiar con cargo ao POS+2020.

1.697 obras nos concellos e saneamento das economías municipais

Ademais de contribuír a mellorar e renovar as infraestruturas municipais financiando un total de 1.697 obras nos 93 concellos da provincia , o Plan Único está axudando a mellorar notablemente as economías municipais. En tres anos, o plan permitiu aos concellos amortizar 10,78 millóns de débeda cos bancos e a pagar aos seus provedores débedas por importe de 7,84 millóns de euros, segundo explicou o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández.

A mellora da situación económica dos concellos xa se deixa notar nas peticións de fondos que realizan os propios municipios. Dende a creación do Plan Único diminuíron nun 77% as peticións para amortización de débeda, (pasando de 5,4 millóns en 2017 a só 1,2 millóns en 2019) e nun 65 % no caso das solicitudes para pago a provedores, o que indica que os municipios necesitan cada vez menos recorrer a estas axudas.

Doutra banda, os investimentos seguen incrementándose, pasando de 509 obras no POS+2017 ás máis de 700 obras no POS+2019.

Debate no pleno

O portavoz do PSOE, Bernardo Fernández, destacou que plan demostrou ser un «instrumento útil» para os concellos . «A realidade constatou que os concellos coruñeses reciben agora co Plan Único máis fondos dos que recibían antes», afirmou o voceiro socialista, que agradeceu «o cambio de ton do PP» con respecto ao plan.

«O espírito do Plan Único é que os concellos decidan en que queren investir os fondos que lles achega a Deputación e que estes cartos se distribúan en base a criterios obxectivos e non partidistas», apuntou Fernández.

Pola súa banda, o vicepresidente Xosé Regueira destacou que se trata dun «plan dinámico», que incrementa os fondos ao longo do exercicio e transfire directamente aos concellos cada ano arredor da metade do orzamento total da Deputación.

Regueira afirmou que, aínda que o Plan Único de 2020 parte con 7 millóns de euros menos que o ano pasado, os feitos demostran que «canto menos foi a achega inicial do plan, maior foi o investimento final». Así, lembrou que o POS+2019 «comezou con menos fondos que en 2018 e rematou cun investimento de máis de 100 millóns de euros, o maior ata o momento».

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Popular, Evaristo Ben Otero, lembrou que os fondos de préstamo aos concellos para redución de débeda comezaron en anteriores mandatos do Plan de Aforro e Investimento (PAI) e «non ten sentido que se inclúan nun plan de obras».

O portavoz popular pediu tamén «eliminar a burocracia na maior medida posible» e que as baixas das licitacións das obras sexan xestionadas directamente polos concellos.