Sábado 26 de Maio de 2018

Nava Castro visita as obras do camiño Fisterra-Muxía nas que Turismo de Galicia investiu mais de 300.000 euros en 2014


Estas actuacións realizáronse nos concellos de Santiago, Ames, Negreira, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión e Muxía

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada pola delegada territorial da Xunta de Galicia en A Coruña, Belén do Campo, e os alcaldes de Muxía e Dumbría, Félix Porto e José Manuel Pequeño, visitou hoxe en Muxía as obras que está a realizar o departamento que dirixe no Camiño Fisterra-Muxía e nas que se investiron máis de 300.000 euros no ano 2014 nos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Negreira, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión e a propia Muxía.

Na súa estadía no concello muxián, Nava Castro referiuse aos esforzos que realiza a Xunta de Galicia para conservar e protexer as distintas rutas xacobeas, realizando “labores de mantemento, medidas correctoras e acondicionamento dos tramos do Camiño”.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, “o obxectivo é facer un camiño transitable coa corrección das incidencias producidas principalmente pola acción da auga e do uso dos camiños de maquinaria pesada”.

Acondicionamento da Ruta Fisterra-Muxía
Polo que respecta á Ruta Xacobea Fisterra-Muxía, Nava Castro lembrou que no ano 2013, ademais, realizáronse obras de intervención urxente por un importe superior aos 100.000 euros e que as obras que se están a realizar no tramos visitados hoxe en Muxía consisten na realización de traballos de subbase de zahorra, rasanteo e nivelación, así como a eliminación de auga no camiño mediante a apertura de cunetas.

Segundo explicou Nava Castro, nos concellos limítrofes de Muxía tamén se están a realizar obras similares. No concello de Dumbría estanse acondicionando catro tramos entre Olveiroa e Hospital afectados polo efecto da auga e as maquinarias agrícolas. “En total suman mais dun quilómetro de trazado de acondicionamento nos que en liñas xerais se realizaron obras de apertura de cunetas e bacheados así como nivelación do terreo entre outros”, afirmou a directora de Turismo de Galicia. “Neste concello, ademais, tamén estamos acondicionando as caballerizas do albergue de Olveiroa para integrar doce plazas mais as 34 existentes”, engadiu. Pola súa parte, no concello de Cee se está a acondicionar o treito situado cerca da Capela das Neves de pendente continua moderada xa que debido a acción da auga foise deteriorando notablemente o firme do camiño, deixando pedras soltas de gran tamaño e canles sobre o mesmo que dificultan o paso. En Cee tamén se están realizando labores de mantemento na entrada na propia localidade. En liñas xerais os traballos consistiron na apertura de cunetas, bacheado, nivelación do terreo e colocación de pasos de auga en V con pedra graníticas.

Segundo manifestou a directora de Turismo de Galicia, estas obras de acondicionamento e todas as realizadas nos diferentes tramos, “adáptanse completamente ás peculiaridades do terreo” e respectan en todo momento o ancho do camiño así coma os valores tradicionais do mesmo, mantendo a coherencia coas obras realizadas anteriormente e procurando sempre o menor impacto visual posible.

Todo isto para manter unha ruta xacobea, a de Fisterra-Muxía, da que Nava Castro dixo que conta cunha simboloxía especial, “pois é a única que ten a súa orixe na cidade de Santiago de Compostela e percorre o camiño ata a punta occidental da Europa continental”.

Gran elemento captador de turismo internacional
Para Nava Castro, o Camiño Fisterra-Muxía é un “gran elemento captador de turismo internacional” que posiciona Galicia como marca e como destino diferencial.

Así, engadiu, A Costa da Morte é o destino de mellor comportamento da demanda hoteleira de toda Galicia, “pois rexistra os crecementos de maior intensidade, tanto en termos globais –viaxeiros e pernoitas- como en cada un dos segmentos de mercado –nacional e internacional-“.

Neste sentido, o 66% da demanda hoteleira da Costa da Morte corresponde ao turismo nacional, mentres que o 34% restante é internacional. “Así pois, argumentou Nava Castro, a Costa da Morte é, logo de Santiago, o destino de Galicia con maior peso internacional dentro da estrutura da demanda turística de Galicia”.

Por último, Nava Castro falou do número de peregrinos que se achegaron a Santiago polas distintas rutas do Camiño, sendo un total de máis de 236.000 os peregrinos que recolleron a Compostela neste 2014, o que supón xa un incremento de máis do 10% en relación ao mesmo período do ano anterior.