Mércores 20 de Novembro de 2019

A Deputación da Coruña promociona o Camiño Inglés e o tramo Fisterra-Muxía na World Travel Market de Londres


Por primeira vez, a institución provincial participa cun posto propio nunha das feiras turísticas máis importantes de Europa, que se desenvolve esta semana no recinto ExCel en Londres

A comitiva coruñesa recibiu hoxe a visita da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto

Tivo lugar a estrea do novo vídeo de promoción do Camiño Inglés, con referencias aos 18 concellos coruñeses polos que discorre o itinerario xacobeo

A Deputación da Coruña promociona o Camiño Inglés e o tramo Fisterra-Muxía na World Travel Market de Londres
Dende hoxe ata o mércores, a Deputación da Coruña participa en Londres na World Travel Market (WTM), unha das feiras de turismo máis importes de Europa, onde se amosan as novidades e plataformas de promoción do sector turístico. Ademais, ofrece espazos innovadores, creadores de tendencias, relacións comerciais e conferencias sobre o que está a suceder na industria turística.

Por primeira vez, a Deputación participará nesta importante feira turística cun posto propio, especialmente dedicado ao Camiño de Santiago, especificamente ao Camiño Inglés e ao Camiño Fisterra-Muxía, co obxectivo de fomentar o seu coñecemento e posibilitar que maior número de peregrinos e turistas se animen a percorrer estas rutas situadas na provincia da Coruña.

O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, participará estes días na capital británica en diversos actos e reunións incluídas no programa do evento. Hoxe mesmo, tras a inauguración da feira, a delegación coruñesa recibiu a visita da ministra en funcións de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.

Durante esta semana, os miles de visitantes que acolle a WTM de Londres poderán coñecer material promocional da provincia e, en concreto, destes dous itinerarios xacobeos que discorren integramente pola provincia da Coruña. Ademais, na feira presentarase o novo vídeo de promoción turística do Camiño Inglés, con referencias aos 18 concellos que atravesa este itinerario xacobeo (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago).

Por outro lado, os membros da Deputación da Coruña asistirán a un cóctel que terá lugar esta tarde na Embaixada de España no Reino Unido para todas as administracións públicas que participan na WTM e no que se presentará un novo produto turístico denominado «Art, Design & Fashion Green Spain».