Sábado 31 de Outubro de 2020

O Goberno local reúnese co grupo municipal do PP para negociar os orzamentos de 2020


 

Lage Tuñas agradeceu “a boa disposición e actitude do PP” nesta primeira conversa e lembrou que as negociacións coa Marea Atlántica e co BNG seguen sendo prioritarias no proxecto do orzamento de 2020

O Goberno local reuniuse esta mañá con representantes do grupo municipal do Partido Popular no que foi unha apertura de conversas para o proxecto do orzamento municipal do ano 2020. O encontro foi o último mantido entre o voceiro socialista, José Manuel Lage Tuñas, e o seu equipo cos grupos da Corporación municipal nesta primeira fase do proxecto do orzamento.

Canto á reunión, e facendo alusión á voceira popular, Lage agradeceu “a boa disposición e actitude que hoxe nos trasladou o PP, máis alá das diferenzas políticas e ideolóxicas” e explicou que “neste tipo de reunións de apertura de conversas non se concreta nada pero déixanse as portas abertas para poder sacar proxectos conxuntamente adiante” posto que “o grupo de Goberno non ten cordóns sanitarios con ningún partido”. Deste xeito, o voceiro manifestou que “isto demostra que hai unha nova forma de facer as cousas poñendo por riba de calquera interese partidario os intereses das coruñesas e coruñeses”.

Na rolda de prensa que se lles deu aos medios despois da reunión, o voceiro socialista lembrou en reiteradas ocasións que “o Goberno local fará un orzamento de xeito prioritario conformado coa Marea Atlántica e co Bloque Nacionalista Galego” posto que “son as formacións coas que hai establecido un acordo de mandato” e, asegurou, “isto non impide que vaiamos establecer as canles de comunicación razoables co resto de grupos municipais, xa que as propostas, veñan

de onde veñan, se son positivas e encaixan na proposta de orzamento serán tidas

en conta”.

Lage Tuñas detallou que “seguindo a metodoloxía que se está a levar para o orzamento”, unha vez rematada esta primeira fase coa Marea Atlántica e co BNG presentarase o proxecto que “non será pechado, senón que responderá aos intereses da maioría social da Coruña”, xa que tanto o PP como Ciudadanos poderán facer as súas achegas.

Por outra banda, o voceiro do Executivo local tamén lembrou as liñas xerais do orzamento de 2020: “A reactivación económica da cidade, as políticas de benestar social e a aposta pola sustentabilidade dándolle prioridade a todo aquilo que teña que ver coa mobilidade”. En definitiva, dixo, “os tres eixes sobre os que pivota o proxecto que lidera a nosa alcaldesa e que son tres eixes irrenunciables para nós”.