Mércores 20 de Novembro de 2019

O Consorcio obriga a cambiar os provedores de comida de todas as Escolas Infantís mentres os técnicos de Sanidade avanzan na investigación sobre as reaccións alérxicas


A partir de mañá e de xeito indefinido, todos os produtos pasarán a comprarse en establecementos de proximidade de cada escola infantil
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar vén de obrigar á empresa Freire Chico S.L. a cambiar os provedores de comida de todas as escolas infantís públicas das que xestiona a cociña. Esta medida preventiva implantarase tanto nas escolas infantís nas que houbo algún neno que tivese algunha reacción alérxica leve como nas que non rexistraron ningún destes casos. Isto pode supoñer algunha modificación nos menús que se prevían inicialmente.

A partir do día de mañá e de xeito indefinido, todos os produtos (tanto alimentos como enxoval de cociña) deixarán de estar subministrados por provedores centralizados e pasarán a comprarse en establecementos de proximidade de cada escola infantil. Todos estes novos provedores deberán contar, como é lóxico, con todos os permisos e acreditacións necesarias para garantir a trazabilidade dos produtos.

Paralelamente segue avanzando a investigación que están a levar a cabo os técnicos da Consellería de Sanidade. Estes profesionais están a analizar as mostras da comida que se serviu os días que houbo reaccións alérxicas e levaron a cabo inspeccións na sede da empresa concesionaria.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar transmite tranquilidade ás familias, dada a levidade de todas as reaccións alérxicas que se rexistraron. En calquera caso, os episodios que aconteceron son intolerables e seguiranse tomando todas as medidas que sexan necesarias.

Deja un comentario