Mércores 20 de Novembro de 2019

A rapazada do CPI de San Sadurniño levará adiante unha campaña nas redes en contra do ciberacoso e a violencia de xénero


Tarde de educación en igualdade na Casa da Cultura. Máis de medio cento de mozas e mozos de 3º e 4º da ESO do CPI de San Sadurniño asistiron a un obradoiro impartido por Casa Morada Servizos Culturais que tratou os novos tipos de acoso e de violencia de xénero que se exercen usando como ferramenta as redes sociais e os dispositivos móbiles. Viron a teoría sobre os distintas maneiras de maltratar a outra persoa -acoso, stalking -o asexo e presión constantes-, o ciberbullying, etc.- pero, máis que nada, como se deben previr e atallar se chegan a producirse. Algo para o que é imprescindible recuperar o concepto cada vez máis abandonado da empatía -o poñerse no lugar da outra persoa para saber como se sente- e fomentar que a adolescencia sexa máis proactiva freando esas condutas, empezando por non mirar cara a outro lado cando saben que alguén está sufrindo algún tipo de acoso ou violencia. Porén, ademais de ver teoría, as mozas e mozos tamén terán que poñer en práctica todo o aprendido. Para iso Neves Seara e Ana Seijo -as dúas poñentes de Casa Morada- propuxéronlles pensar varios lemas que despois se han combinar con fotografías para que a mocidade as compartan nas súas redes sociais. Ademais, as imaxes tamén formarán parte dunha exposición.

A sesión -titulada «Fotocotías»- está dividida en dous días, a metade hoxe e a outra metade o próximo martes. Nesta tarde de traboadas intermitentes as mozas e mozos da ESO participaron nunha charla caracterizada polo diálogo e a interacción constante que, en primeiro lugar, repasou as novas fórmulas de violencia que se exercen empregando as redes sociais e as tecnoloxías da comunicación, xa sexa como soporte de amplificación -vídeos de malleiras, vídeos ridiculizando a outra persoa, etc.- ou como ferramentas en si mesmas de acoso e control.

De dirixir o obradoiro encargáronse a psicóloga Ana Seijo e a artista Neves Seara, quen abordaron o enfoque teórico da violencia de xénero «visible e invisible», ademais de repasar «os novos delitos que están ocorrendo gracias ás tecnoloxías: o acoso, o stalking, o ciberbullying… todas esas cuestións que teñen que ver co uso destas ferramentas para acosar, manipular, manipular e exercer a violencia», tal e como explica Seara. Un enfoque que cargou as tintas na violencia de xénero posto que, segundo recorda a directora de Casa Morada, «as rapazas sufrimos esta violencia ata nun 76% máis que os rapaces.»

Neves mostrouse sorprendida de que, malia o acceso que hai á tecnoloxía e a información que se ofrece en centros de ensino e a través dos medios, a xente nova non é coñecedora da verdadeira dimensión deste novo problema social: «a rapazada é consciente metade por metade do que está pasando. Por iso é importante facerlles traballar en grupo». Neste sentido o que se lles propón «non é tanto que entendan as penalizacións legais, senón as consecuencias emocionais que conlevan para as persoas que sofren este tipo de acosos e como funciona o grupo que fai de compinche dos acosadores».

Parte do obradoiro centrouse niso, no papel cómplice das persoas que ven, calan e consinten co seu silencio ou que incluso contribúen a que o mal sexa aínda maior compartindo vídeos e mensaxes, sexan violentos ou que menoscaben a integridade física ou moral de outra persoa. Parar ese ciclo é tamén responsabilidade de quen sabe o que pasa. As monitoras puxeron como exemplo moi gráfico unha tira de mistos postos un ao lado do outro. Se se lle dá lume a un, a chama irá saltando ata queimalos todos. Pero se quitamos un ou dous do medio, o lume deterase en seco.

Esa postura, a do misto que se retira para non seguir alimentando o fogo, é a que se lle pide ás mozas e mozos. E de aí que sexa tan importante poñer de novo en valor a empatía, a habilidade social que nos leva a poñernos no lugar da outra persoa -a que sofre- para conectar co que debe estar sentindo. «Non se trata de combater ao acosador con violencia, pero hai moitas outras cousas que se poden facer: falar co titor, cos compañeiros», comenta Seara engadindo que a idea de Casa Morada con este obradoiro vai máis aló, e que incluso se busca que a mocidade empregue a tecnoloxía para virar a situación. «A ferramenta permítenos conectar con moitísima xente e permite reactivar a empatía a través das redes dependendo do que publiques».

Precisamente este será o contido do obradoiro da semana que vén: que a xente nova se converta en cortalumes do acoso e a violencia por medio do activismo nas redes. Hoxe xa houbo un pequeno avance pouco antes de finalizar o encontro coa proposta de que as mozas e mozos fosen pensando lemas referidos ás violencias por razón de xénero e ao acoso virtual. Marcharon da Casa da Cultura coa tarefa marcada de ir pensando de aquí ao martes máis frases nesa liña. «Agora, con todos os conceptos que traballamos, eles e elas teñen que escribir os seus propios eslóganes, entendendo que situacións poden darse e como frealas. Despois, con esas mensaxes faremos unha serie de retratos reivindicativos en contra dese tipo de violencia nas redes», adianta Neves Seara.

O resultado dese brainstorming reivindicativo coñecerémolo dentro duns días, cando a rapazada empece a compartir nas redes sociais -Instagram, Snapchat, Whatsapp, Telegram, Twitter…- todo o material creado co obxectivo de que «a idea chegue lonxe». Ademais, as fotos cos seus lemas tamén se levarán a un soporte físico para montar unha exposición.

Obradoiro de autoprotección
O remate da sesión de Casa Morada non significou que finalizasen na Casa da Cultura as actividades relacionadas coa igualdade. De feito, trala primeira parte do obradoiro «Fotocotías», no auditorio desenvolveuse un minicurso de autoprotección dirixido exclusivamente a mozas do CPI. Nel inscribíronse unha quincena de rapazas para aprenderen con monitores da AD Judo Ferrolterra técnicas básicas de evasión ante unha situación potencialmente perigosa.

A técnica municipal de Igualdade, Verónica Rodríguez, presentou a actividade insistindo en que non se trataba dunha aprendizaxe «de defensa persoal», senón de algúns exercicios «de protección» cos que poder manexar un posible ataque. Por outra banda, Rodríguez destacou como principal valor do curso a súa función como «espazo de convivencia» para as rapazas no que promover «o empoderamento feminino» e o «reforzo da autoestima», conceptos ambos que son fundamentais para rachar coa violencia antes incluso de que chegue a producirse.

O obradoiro repetirase a semana que vén, de novo trala sesión de «Fotocotías» impartida por Casa Morada. Ambas actividades forman parte da programación da Concellaría de Igualdade, subvencionada neste caso pola Secretaría Xeral de Igualdade no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Deja un comentario