Luns 09 de Decembro de 2019

Un total de 109 tapas competirán no XII Santiago(é)Tapas


Xa está todo listo para que este xoves, día 14, arranque a XII edición do Santiago(é)Tapas e a I edición do Santiago(é)Coctel. Un total de 77 locais – a cifra máis alta dende que comezou o concurso – competirán por facerse cos premios ás mellores tapas e cócteles da capital galega. Todos eles poden consultarse na páxina web santiagoetapas.gal, así como na app quedamosdetapas.

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e o directivo da Asociación Hostalería Compostela e coordinador da organización dos concursos, Lois Lopes, indicaron en rolda de prensa que estes establecementos hostaleiros servirán 109 tapas e 25 cócteles entre o 14 de novembro e o 1 de decembro. No caso dos petiscos, celebrarase ademais unha final do 6 ao 8 de decembro con dez propostas finalistas.

Sindo Guinarte destacou que, segundo o Centro de Estudos Turísticos, «comer nun restaurante» é a segunda actividade que máis fan as persoas que visitan Santiago, só tras visitar a Catedral e o seu entorno. O 93,6% das persoas que visitaron a cidade no 2018 comeron nalgún restaurante de Compostela, polo que o sector da restauración é un beneficiario directo do incremento nas cifras de turistas, peregrinos e visitantes que se están producindo en Santiago.

Lopes quixo agradecer na súa intervención o esforzo de todos e cada un dos participantes nestes concursos. «Valoramos moito a implicación dos hostaleiros e hostaleiras desta cidade, que presentan nesta edición un gran número de tapas e cócteles con moita calidade. Moi por enriba doutros concursos similares da contorna, ou incluso de toda Galicia», opinou.

O XII Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago, é un evento organizado pola Asociación Hostalería Compostela, promovido por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio de Mahou. Tamén colaboran Cash Record, Coca Cola, Finca Viñoa e Aceites Abril; así como o festival de cine Cineuropa, a Asociación de Celíacos de Galicia, o movemento Slow Food e Utimaq. O I Santiago(é)Cóctel é un concurso organizado pola Asociación Hostalería Compostela.

Oito (é)Tapas e moitos premios
Nesta XII edición do Santiago(é)Tapas participarán 53 tapas na modalidade tradicional (cun prezo de entre 1 e 2 euros) e 56 tapas na modalidade creativa (de entre 2 e 3,50 euros). Co fin de fomentar o uso de produtos autóctonos e de proximidade, todas elas inclúen, cando menos, un produto pertencente a algunha das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de Galicia.

No que se refire ao Santiago(é)Cóctel, participarán 13 cócteles clásicos (cun prezo de 5 euros) e 12 cócteles creativos (cun prezo de 6 euros).

O público poderá votar polas tapas e cócteles a través dos pousavasos oficiais que atoparán nos locais participantes, depositando o seu voto nas urnas correspondentes.

Para percorrer os distintos locais participantes elaborouse un Tapasporte dividido en oito (é)Tapas e unha ruta de cócteles. O Tapasporte estará dispoñible a partir de mañá, 13 de novembro, na Oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63) e na sede da Asociación Hostalería Compostela (rúa das Salvadas, 29). Tamén poderá descargarse da páxina web santiagoetapas.gal.

O locais deberán selar o Tapasporte a todos os/as clientes/as que consuman as tapas, podendo así optar a numerosos premios por completar as diferentes (é)tapas. Galardóns que inclúen dende entradas para Cineuropa, viaxes no tren turístico ou vales de compra no Mercado de Abastos, ata ceas para dúas persoas, noites de hotel e un voo en ultralixeiro pola Costa da Morte. Poden consultarse todos os premios na páxina web do concurso.

Gañadores
Todos os establecementos inscritos optarán aos premios do público outorgados a partir das votacións dos consumidores emitidas durante os días de celebración dos concursos Santiago(é)Tapas e Santiago(é)Cóctel do 14 de novembro ao 1 de decembro. Haberá un premio do público á tapa creativa e un premio do público á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un. Ademais, premiaranse dous cócteles, un creativo e un clásico, con 500 euros cada un.

Ademais, un xurado profesional seleccionará as dez tapas finalistas dos premios Santiago(é)Tapas, que competirán de novo na final do 6 ao 8 de decembro. A elección das tapas gañadoras dos premios Santiago(é)Tapas 2019 entre as finalistas farase mediante a ponderación da valoración do xurado profesional e a puntuación media obtida dos votos populares. Entre todas as tapas finalistas outorgaranse un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500 euros; e un premio Maridaxe Mahou, con 500 euros en produto e un showcooking nun evento Mahou.

O gañador do premio Santiago(é)Tapas que obteña unha maior puntuación do voto ponderado do xurado e do público representará a Santiago no concurso autonómico De tapas por Galicia, organizado por Turismo de Galicia.