Luns 09 de Decembro de 2019

A presentación de “fuxir de proxeria” de manuel blanco desar dou pé a un debate sobre o envellecemento poboacional


O avogado, economista e politólogo santiagués Manuel Blanco Desar acudiu no serán de onte ao Centro Cultural Lustres Rivas para presentar a súa novela “Fuxir de Proxeria”: unha distopía ambientada no 2080 na que a xente maior domina a sociedade e obrigan aos mozos a cumprir unha serie de obrigacións civís ata que algúns deles se rebelan e tratan de escapar.

A apertura do acto correu a cargo de Santos Oujo, presidente do Ateneo Valle-Inclán, mentres que a concelleira de Cultura María Sampedro ofreceu a intervención final.

Entremedias, a presentación da novela, publicada por Edicións Fervenza, dou pé a un enriquecedor debate entre público e integrantes da mesa acerca do futuro da cada vez máis envellecida sociedade galega e que medidas se deberían adoptar para non chegar a esta situación de desequilibrio demográfico que describe na obra literaria.

Manuel Blanco Desar (Santiago de Compostela, 1965) é economista, avogado e politólogo, especialista en temas internacionais, dereito da competencia e políticas públicas europeas. Entre outros galardóns literarios, obtivo o Premio San Clemente de Relatos (USC). Ten publicado en Dorna -Expresión Poética Galega. Foi colaborador e articulista en diferentes xornais e xunto con outros autores participou no volume colectivo Berra liberdade a prol de Amnistía Internacional.

Entre a súa obra atópase Nos dominios da incerteza. Historias económicas e Una sociedad sin hijos.