Mércores 11 de Decembro de 2019

A atleta olímpica Ana Peleteiro participará nas actividades da campaña ‘Vai de peixe’ na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Coruña


O vindeiro luns 25 de novembro ás 11:00 horas ofrecerá unha charla no salón de actos da facultade
A atleta olímpica Ana Peleteiro estará o vindeiro luns coa campaña Vai de peixe, impulsada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar, na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña. A partir das 11:00 horas as persoas que desexen coñecer a esta atleta poderán asistir a unha charla que ofrecerá no salón de actos da facultade.

Ademais, ás 11:30 horas realizarase na sala de usos múltiples unha sesión práctica enmarcada nesta iniciativa que é a primeira campaña de España destinada especificamente a impulsar o consumo dos produtos do mar e da acuicultura na franxa de idade entre os 18 e os 35 anos (xeración millennial). Tamén estará nesta zona estudantil o tráiler de Vai de peixe destinado a ofrecer información da campaña e no que se realizan showcookings para amosar distintas formas de preparar os produtos do mar e da acuicultura.

Deste xeito, Vai de peixe busca fomentar hábitos de alimentación saudable e promover un consumo frecuente de peixe e marisco nesta franxa de idade, para concienciar da importancia dunha nutrición equilibrada. Durante o curso académico 2019-2020, esta iniciativa tamén levará a cabo unha serie de accións destinadas á difusión de información dos produtos pesqueiros así como de receitas sinxelas e adaptadas ao estilo de vida millennial.

Para iso a campaña desenvólvese cunha estratexia baseada na promoción dixital a través da web https://vaidepeixe.xunta.gal/ e redes sociais (Instagram e canle de Youtube) e conta con catro influencers que actúan como prescritores e dinamizadores da campaña e do seu contido. Elas e el son, ademais da atleta olímpica Ana Peleteiro, a presentadora Eva Iglesias e os youtuber Percebes y Grelos e Coque Macho. Durante os vindeiros días, o tráiler continuará co seu percorrido nas seguintes paradas:

25/11 Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, Universidade da Coruña – coa participación da atleta olímpica Ana Peleteiro
26/11 Campus de Elviña, Universidade da Coruña
27/11 Campus de Ferrol, Universidade da Coruña
28/11 Campus de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela
29/11 Campus de Ourense, Universidade de Vigo