Mércores 08 de Xullo de 2020

Borrego asiste en Madrid ao Congreso de Sustentabilidade no Deporte


 

O concelleiro de Deportes anunciou que actuará desde o deporte na concienciación e aplicación de solucións de apoio ao cumprimento dos obxectivos de sustentabilidade

O concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, asistiu onte ao I Congreso de Sustentabilidade no Deporte organizado polo Comité Olímpico Español (COE) en Madrid, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias FEMP e a Asociación do Deporte Español.

O Congreso abordou a sustentabilidade no Movemento Olímpico, o papel dos medios de comunicación, eficiencia enerxética, igualdade de xénero, mobilidade sustentable ou o rol da Administración Pública Local en Sustentabilidade Axenda
2030.

Borrego asegurou que desenvolverá accións directas ante eses obxectivos 2020 e

2030. Ademáis, o presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, púxose ao dispor da Coruña ante a invitación que o edil lle fixo ao COE para organizar na cidade eventos deportivo-divulgativos e actuar desde o deporte na concienciación e aplicación de solucións de apoio ao cumprimento dos obxectivos de sustentabilidade.

Entre os relatores figuraban Alejandro Blanco, presidente do COE; os deportistas Saúl Craviotto, dobre campión olímpico e Sandra Sánchez, campioa do mundo de kata e unha das mellores karatekas da Historia; Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica, e Isabel García, presidenta da Comisión Muller e Deporte do COE. O congreso tratou a acción do deporte como ferramenta fundamental na aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. As administracións locais como correa de transmisión a clubes e cidadáns na aplicación de solucións

inmediatas ante a emerxencia que presenta o noso planeta foi outro dos asuntos tratados.