Mércores 11 de Decembro de 2019

«Igual a nós» leva ao Centro de Día a concienciación en igualdade e contra a violencia de xénero


 

O Centro de Día de San Sadurniño acollerá este xoves pola tarde -17.30h.- unha das actividades pormovidas polo Concello dentro do programa do 25-N. O seu título é «Igual a nós» e trátase dunha proposta aberta non só ás persoas usuarias do centro senón tamén a calquera que se queira apuntar -981 490 027 ext.1- e participar nun interesante obradoiro que terá varias partes, entre elas unha representación escénica centrada na igualdade e na prevención da violencia de xénero. Durará arredor dunha hora e, ademais da obra, tamén haberá unha sesión de debate e unha pequena «performance» coa que reflexionar sobre todo o significado do Día Internacional da eliminación das violencias contra da Muller. «Igual a nós» é unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade ao abeiro dun acordo de colaboración coa FEGAMP que conta con patrocinio do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Unha mensaxe que se lanza constantemente en relación coa igualdade e coa erradicación da violencia de xénero é a da necesidade de educar a rapazada. Pero poucas veces se toca a importancia de traballar neses ámbitos coas persoas maiores, quizais as que teñen máis interiorizado e normalizado o patriarcado por ter nacido e medrado nunha sociedade pouco contestataria co machismo.

A necesidade de concienciar ás mulleres e homes de maior idade obedece a dúas razóns: a primeira é que o empoderamento feminino e o dereito á igualdade e a unha vida sen maltrato non ten que ver coa idade, senón coa dignidade das persoas; e, a segunda, que as avoas e os avós desempeñan un papel fundamental na socialización e educación das xeracións máis novas dentro do núcleo familiar e, polo tanto, tamén cómpre contar con elas e eles para avanzar na eliminación de estereotipos de xénero e en coeducación.

Neste sentido, «Igual a nós» ofrecerá un formato de representación escénica e debate-coloquio co obxectivo de afondar na participación social das mulleres de máis idade. Máis en detalle, a súa finalidade é mellorar a calidade de vida das mulleres, promover e sensibilizar na educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero, sensibilizar e concienciar sobre a ruptura dos estereotipos de xénero existentes, potenciar o uso das novas tecnoloxías como ferramenta de comunicación e formación, e, por último, crear condicións para a participación social e o encontro entre mulleres como mecanismo de mellora da autoestima persoal e grupal.

O obradoiro durará arredor dunha hora. A metade dese tempo ocuparao a representación escénica, que usará como eixo vertebrador o emprego das novas tecnoloxías, especialmente o móbil, para abordar conceptos básicos de igualdade e de prevención de violencia de xénero. Así que remate levarase a cabo unha reflexión grupal para que todas as persoas poidan expoñer as súas inquedanzas e as súas reflexións, e tamén clarificar conceptos abordados durante a obra. A sesión finalizará co reforzamento de todo o aprendido a través dunha performance contra a violencia de xénero.

A actividade desenvolverase no Centro de día de San Sadurniño este xoves 28 de novembro de 17.30 a 18.30 horas. Fai falla inscrición previa chamando ao 981 490 027 ext. 1.

Deja un comentario