Mércores 11 de Decembro de 2019

Charla sobre o uso da Sede Electrónica municipal


A Deputación da Coruña ofrece este xoves a partir das 18.00h. na Casa da Xuventude de San Sadurniño unha charla dirixida á veciñanza sobre o uso da Sede Electrónica municipal, un portal aberto as 24 horas do día e os 356 días do ano a través do que se poden rexistrar documentos e facer outras xestións igual que se acudísemos presencialmente ao Concello. A importancia de acudir a este obradoiro informativo radica en que desde o consistorio se está promovendo cada vez máis a tramitación por esta vía que, tarde ou cedo, acabará sendo a única para relacionarse coas administracións públicas.

Moitas das xestións máis comúns que se fan presencialmente no Concello -solicitudes xenéricas, volantes de empadroamento, etc.- poden tramitarse desde a casa a través da Sede Electrónica se se dispón dun ordenador, de conexión a internet e dun DNI electrónico ou un certificado dixital.

Ata hai uns meses o Concello usaba unha plataforma ofrecida pola Deputación da Coruña que complicaba as cousas máis que facilitalas, posto que había que cumprir uns requisitos informáticos moi estrictos para que funcionase. Pero agora, trala renovación do aplicativo por parte do ente provincial, a Sede Electrónica simplificouse moito e é compatible con calquera navegador. A través dela poden presentarse de maneira doada todo tipo de documentos e solicitudes coa mesma validez legal e de cumprimento de prazos que se o fixesemos en papel no rexistro.

O Concello e maila Deputación programaron para este xoves unha charla dirixida á veciñanza -a semana pasada houbo outra para entidades- na que se verá o seu funcionamento: como acceder, como identificarnos, que podemos facer nela, como se gardan as nosas solicitudes e como podemos seguir a súa tramitación, etc. Contidos que se tratarán este xoves na Casa da Xuventude a partir 18.00h. nunha sesión para a que non se require inscrición previa.

Deja un comentario