Mércores 26 de Setembro de 2018

Diego Calvo, acudiu ao acto de clausura e entrega de diplomas dos cursos de cociña saudable e xardinería que tiveron lugar en Malpica


O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, acudiu esta mañá ao acto de clausura e entrega de diplomas dos cursos de cociña saudable e xardinería que tiveron lugar nas últimas semanas en Malpica. As sesións, dirixidas a persoas con diversidade funcional e tamén a colectivos da terceira idade, forman parte da programación anual de Servizos Sociais do Concello, e contaron cunha subvención de 25.000 euros da Deputación da Coruña.
Os cursos foron impartidos por membros da Asociación Íntegro.
Durante a súa intervención, Calvo agradeceu o traballo realizado tanto polo Concello como polos responsables de Íntegro. “A Deputación fixo o máis fácil, o traballo difícil é o voso”, asegurou Calvo, que felicitou ás 37 persoas participantes nos cursos “por demostrar esas ganas de aprender e de facervos un oco no mercado laboral”. “Con iniciativas como esta deixades claro que a integración é posible”, aseverou o titular da institución provincial.

O acto tivo lugar no Centro Cívico de Malpica e contou coa presenza do alcalde, a concelleira de Servizos Sociais e o presidente da Asociación Íntegro.