Mércores 27 de Xaneiro de 2021

A Xunta destina 31.000 euros a obras de mellora, accesibilidade e adquisición de novo equipamento en 2 escolas infantís municipais da comarca de Ferrolterra


Esta orde financia obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas así como actuacións novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das axudas para obras de mellora, accesibilidade e adquisición de novo equipamentos en 14 escolas infantís dependentes de Concellos da provincia da Coruña que ascenden a máis de 282.000 euros. Estas axudas convocáronse por quinto exercicio consecutivo.

No caso concreto da comarca Ferrolterra, recibirán estas achegas o PAI de Maón e a IEM a Barosa de As Pontes de García Rodríguez. En total, as partidas para esta área ascenden a máis de 31.000 euros.

Esta liña de axudas está dirixida ás corporacións locais que teñan en funcionamento unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade, ou aquelas que unicamente dependan da dotación do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade para ser postos en marcha no curso 2019/20.

En concreto, mediante esta orde fináncianse obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios.

Así mesmo, asúmese a adquisición e mellora do equipamento do centro, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo. Por último, a liña atende tamén á dotación de conexión á internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenador, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

A liña de axudas pode alcanzar ata o 100 % do investimento cunha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para a compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula”. En resumo, cada concello pode percibir ata un máximo de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os cales presentara solicitude.