Mércores 11 de Decembro de 2019

O pleno de Boqueixón dá a súa conformidade ao proxecto para ampliar o saneamento en Lestedo e Sergude


Está valorado en 1,8 millóns de euros e acometerase mediante un convenio entre Augas de Galicia e o Concello

O Pleno de Boqueixón acordou outorgar a súa conformidade ao proxecto da obra de ampliación do saneamento en Lestedo e Sergude. A iniciativa está valorada en 1.810.427,81 euros e será executada grazas a un convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Boqueixón. Prevese que a entidade autonómica financie un 80% do custo e o Concello achegaría o 20% restante.

O acordo tomouse cos votos a favor do equipo de goberno e coa abstención da oposición. O alcalde, Manuel Fernández Munín, explicou que “o orzamento do proxecto finalmente será uns 800.000 euros maior do que se estimara nun principio”, o que supón a obra de maior envergadura acometida no concello mediante unha soa intervención.

O rexedor destaca que a nova infraestrutura estará capacitada para garantir un servizo de saneamento de augas en condicións óptimas para Sergude e Lestedo. Trátase das dúas parroquias de maior tamaño de Boqueixón, que aglutinan un 60% das persoas residentes.

Transporte público
Outro dos asuntos destacados da sesión plenaria foi o debate dunha moción sobre o transporte público presentada polo grupo da oposición, que finalmente foi retirada polos propios autores. A intención da proposta era abrir un debate sobre unha acción conxunta con Concellos limítrofes para mellorar a calidade do servizo mediante o incremento de frecuencias e o establecemento de aparcadoiros disuasorios nas zonas da Susana e en Lavacolla.

O grupo de goberno comparte a vontade de diálogo entre diferentes Administracións para introducir melloras no servizo. Non obstante, considerou que as propostas incluídas na moción carecían de consistencia e coherencia, ao estar fundamentadas en opinións subxectivas e non en datos sobre a demanda e a utilización real do servizo.

Operación de contabilidade
Finalmente, o Pleno tamén aprobou un acordo de non dispoñibilidade de créditos por importe de 72.372 euros. Trátase dun trámite contable co que o Concello confirma que non vai utilizar diversas contías previstas nos Orzamentos para o pagamento de persoal que, por xubilacións ou excedencias, xa non forma parte do cadro municipal. O acordo, validado cos votos a favor do goberno e os votos en contra da oposición, serve para dar cumprimento á normativa estatal e autonómica sobre estabilidade orzamentaria.

Deja un comentario