Mércores 11 de Decembro de 2019

A EIM Raíña Lupa de Boqueixón incorporará novos equipamentos e optimizará as súas infraestruturas grazas a unha subvención cofinanciada con Fondos Feder


A axuda permitirá a adquisición de dúas pizarras dixitais e dous computadoras portátiles, entre outras melloras

A Escola Infantil Municipal (EIM) Raíña Lupa de Boqueixón vén de recibir a aprobación dunha axuda cofinanciada con Fondos Feder que lle permitirá mellorar a atención ao alumnado de 0 a 3 anos que acude a este centro escolar. Así, o proxecto Investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento da EIM 0-3 Raíña Lupa, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER GALICIA 2014-2020 solicitado a través da Consellería de Política Social conta cunha partida dun total de 11.998 euros desta axuda á adquisición de novos equipamentos e mellora de infraestruturas educativas.

Así, esta partida permitirá a adquisición, entre outros materiais, de dúas pizarras dixitais e dúas computadoras portátiles. Tal e como indican dende a dirección da EIM Raíña Lupa de Boqueixón tamén se incorporará diverso material educativo de innovación tecnolóxica e sensorial (mesas de luz, baldosas táctiles, cova do descubrimento…), así como elementos de xogo simbólico que se incorporarán a todas as aulas deste centro educativo (bonecos, lavadoiros, cociñas, garaxes, coches…) e múltiples contos e puzzles táctiles.

A maiores, melloraranse as infraestruturas coa adquisición dun elemento de psicomotricidade para alumnado a partir dos 24 meses, que se colocará no patio interior. A este cómpre sumar tamén mobiliario complementario de almacenamento para todo o novo material e unha mesa de educadora para a aula de bebés.

Os renovados materiais e equipamentos estarán operativos, previsiblemente, a finais deste ano. Dende a EIM Raíña Lupa de Boqueixón valoran moi positivamente o outorgamento desta axuda da Consellería de Política Social, Unión Europea e Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural Unha maneira de facer Europa, xa que “nos permitirá mellorar a atención ao noso alumnado con novos e modernos materiais”.

Deja un comentario