Mércores 11 de Decembro de 2019

Cheo total para asistir á posta en escena da obra ‘Invisibles’ dentro do Ciclo de Teatro de Outono do Concello de Boqueixón


A Casa da Cultura de Camporrapado rexistrou onte un cheo total con motivo da representación da obra Invisibles. Arredor de 200 persoas asistiron á posta en escena deste espectáculo sobre violencia de xénero que forma parte do programa de actuacións do Ciclo de Teatro de Outono do Concello de Boqueixón.

A compañía Redrum Teatro foi a encargada de desenvolver a representación desta peza teatral. Unha obra baseada no libro Invisibles de Montse Fajardo creada en base aos relatos de sete mulleres galegas vítimas de violencia de xénero e que pretende concienciar sobre a importancia de loitar contra esta lacra social.

A programación do Ciclo de Teatro de Outono, desenvolvido grazas ao apoio da Deputación da Coruña, continuará este domingo 8 de decembro co salto ao escenario do Club de Maiores de Boqueixón. Porán en escena de novo a obra Urxencias. A entrada é de balde.

Dende o Concello de Boqueixón animan a toda a veciñanza a asistiren ás distintas actuacións previstas ata mediados deste mes de decembro.

Deja un comentario