Mércores 11 de Decembro de 2019

A Xunta fomenta a empregabilidade da xente nova no encontro sectorial de Curtis


Durante o evento realizáronse dous obradoiros para potenciar a comunicación, a xestión de conflitos e competencias profesionais

A Consellería de Política fomenta o desenvolvemento persoal e profesional da xente nova para mellorar as súas opcións de empregabilidade no Encontro Sectorial levado a cabo esta mañá no Espazo Xove de Curtis. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do alcalde da localidade, Javier Caínzos, asistiu a esta iniciativa onde destacou a relevancia das competencias persoais básicas como a comunicación na busca de emprego.

Esta iniciativa procura ofrecer ferramentas para que as mozas e mozos adquiran coñecementos e valores por medio de novas figuras profesionais para descubrir nas súas paixóns posibles saídas profesionais. Para iso, establécese unha dinámica de diálogo entre a xuventude da zona e os axentes económicos do territorio, coa finalidade de impulsar novas oportunidades de colaboración e mentoring.

Nesta ocasión, o encontro contou con dous obradoiros para mellorar a empregabilidade nos que se fomentan os coñecementos na busca activa de emprego así como competencias profesionais: actitude comercial e traballo en equipo.

Nos pasados días desenvolvéronse actividades deste tipo en Pontedeume e Betanzos enfocadas ás potencialidades das competencias gastronómicas e deportivas da mocidade. Nelas os participantes puideron escoitar os testemuños de as experiencias de profesionais en ambos eidos.

Proxecto Lidera
O proxecto ‘Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo’ (acrónimo LIDERA) foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros, o 75 % financiado con fondos Feder, e terá unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

Deja un comentario