Mércores 11 de Decembro de 2019

28 entidades participan na 4.ª edición do Día das Persoas con Discapacidade na praza de María Pita


 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya Neira, participaron nesta cita co lema “Baixo o mesmo paraugas”, cuxo obxectivo é visibilizar unha sociedade diversa e plural

A alcalcesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya Neira, participaron esta mañá xunto a outros membros da Corporación e numerosas persoas representantes das 28 entidades que este ano conformaron a 4.ª edición do Día das Persoas con Discapacidade que se realizou na praza de María Pita.

“Baixo o mesmo paraugas” é o lema escollido para esta acción con que se pretende simbolizar a unión de todas as entidades que participan no desenvolvemento desta xornada, en que tamén colaboran o Concello, a Deputación da Coruña, Nós Why Not e a Asociación de Comerciantes Zona Obelisco.

Ás 12.00 h ducias de persoas xuntáronse na praza coruñesa para escoitaren o manifesto lido por varias persoas representantes de entidades e colexios da cidade. O acto foi presentado pola rexidora Inés Rey, quen comezou o seu discurso asegurando que “non abrimos os paraugas pola chuvia, abrímolos para proclamar a defensa da igualdade na diversidade” e facéndovos saber a todas e a todos os presentes que o Goberno local “está con vós nesta loita, como non pode ser doutro xeito, porque son sempre as barreiras que a sociedade vos impón as que vos fan a

vida máis difícil. Estas barreiras son o voso principal obstáculo. E, polo tanto, o

noso”.

Canto ás entidades alí presentes, Rey dixo: “Quero poñer en valor o traballo que tealizades todas as asociacións que estades hoxe aquí, a vosa axuda é esencial no noso día a día como Administración pública. Sodes o espello en que debemos mirarnos. A vosa experiencia resulta esencial para pór en marcha políticas reais de inclusión”.

Seguidamente, tomou a palabra Sonia Ruíz, directora xerente de Aspace, quen asegurou que “por cuarto ano consecutivo as principais asociacións da cidade e de Galicia conseguimos unirnos para defendermos as persoas con capacidades diferentes” e aludiu a este día de celebración como o “símbolo dunha sociedade plural e diversa que nos debe acoller a todas e a todos por igual, xa que todas e todos temos cabida e moito que achegar”. Ruíz tamén lembrou que este ano era o primeiro en que as 80 entidades están presentes en todas as provincias galegas e agradeceulle ao Concello da Coruña o “fácil que llo puxeron este ano” e desexou que esta “paraugada” sexa o símbolo de unión destas asociacións durante todo o ano.

Deja un comentario