Venres 14 de Agosto de 2020

O Concello de Frades inicia as obras de mellora dos polideportivos de Ponte Carreira e Abellá, nas que inviste máis de 72.000 euros


Os traballos, que estarán rematados nun par de semanas, inclúen a mellora do alumeado de ambas instalacións, así como un novo pavimento e medidas de seguridade no pavillón de Ponte Carreira

O Concello de Frades ven de iniciar as obras de mellora dos seus dous polideportivos municipais, emprazados nas localidades de Ponte Carreira (Gafoi) e Abellá, e nos que investirá algo máis de 72.000 euros. Unhas obras que deron comezo esta mesma semana e que “estarán rematadas nun prazo aproximado de 15 días, a tempo para acoller sen problemas as actividades propias do Nadal como a cabalgata do vindeiro 4 de xaneiro”, apunta o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.

As obras comezaron no polideportivo de Ponte Carreira coa retirada das proteccións laterais de madeira, que serán substituídas por uns novos paneis protectores con espuma de polietileno de alta densidade de 2 centímetros de espesor, que cubrirá tanto as paredes como as vigas da instalacións e os piares da entrada, mellorando así a seguridade dos usuarios e usuarias destas instalacións. Para aumentar a seguridade, colocarase tamén unha varanda de aceiro nas escaleiras interiores de acceso.

A actuación principal no pavillón de Ponte Carreira será a instalación dun novo pavimento, que substituirá ao actual que se atopa deteriorado debido ao seu intenso uso ao longo dos últimos anos. Así, o actual chan de formigón armado será substituído por un pavimento vinílico indoor multideporte de 2 milímetros de espesor, cun acabado en madeira e reforzado con malla de fibra de vidro, sobre unha capa de espuma de alta densidade. Este novo pavimento permitirá unha maior comodidade aos centos de veciños e veciñas, tanto adultos como crianzas, que practican deporte no pavillón.

As obras inclúen tamén o pintado interior do pavillón e a substitución do alumeado do recinto por uns novos focos de tecnoloxía LED, o que mellorará a calidade lumínica e reducirá o consumo eléctrico desta instalación deportiva. Estas dúas últimas actuacións tamén terán lugar no polideportivo de Abellá, onde se renovará o alumeado das pistas de pádel aló instaladas, que será substituído por novas luminarias LED, e se procederá ao pintado de toda a instalación.