Venres 14 de Agosto de 2020

Casa Castro gaña por segundo ano consecutivo a Ruta de Tapas Que rico estás Boqueixón


 

O alcalde en funcións, José Manuel Canabal, anima a profesionais e veciñanza a seguir participando neste tipo de iniciativas “que poñen en valor o bo facer da nosa hostalería”

O Salón de Plenos vén de acoller a entrega dos galardóns da VII Ruta de Tapas Que rico estás Boqueixón. O acto estivo presidido polo alcalde en funcións, José Manuel Canabal, e a el asistiron varios representantes da hostalería local.

Na súa intervención, Canabal salientou a importancia de desenvolver iniciativas participativas como estas, xa que “ademais de dinamizar o territorio, tamén serven para a poñer en valor o bo facer dos nosos profesionais da hostalería”. Neste senso, animou a profesionais e veciñanza a seguir participando neste tipo de propostas.

Do mesmo xeito, fixo fincapé na “excelente acollida desta oitava edición da Ruta de Tapas, que este ano se viu reforzada coa inclusión dos Cantos de Taberna”. Foron un total de cinco as agrupacións boqueixanesas que animaron coa súa música as distintas xornadas nas que se desenvolveu este certame de pinchos no que participaron seis establecementos hostaleiros.

Por segundo ano consecutivo, Casa de Xantar Casa Castro resultou gañadora da Ruta de Tapas Que rico estás Boqueixón. A súa proposta Sabores de outonía foi a mellor valorada pola clientela que cubriu os distintos folletos de valoración dos pinchos presentados a este concurso, levando o título de Mellor Tapa de Boqueixón 2019.

O segundo clasificado foi a Cervexería O Vikingo polos seus Bocadiños de alcachofa+roliño de espinacas, mentres que o terceiro posto quedou no Restaurante Vente Vindo coa súa proposta Tostada do Bo-Queixón. Os tres establecementos levaron cadanseu diploma acreditativo de vencedores da VIII Ruta de Tapas Que rico estás Boqueixón.

Por outra banda, José Manuel Canabal e un representante do sector hostaleiro, fixeron entrega dos galardóns para a clientela, valorados en 300 euros. O primeiro deles recaeu en Alberto Pazos Aldrey (Lamas-Boqueixón), que levou un premio en metálico de 180 € aportado pola hostalería participante nesta Ruta de Tapas. O segundo premio foi para José Antonio Rendo Caneda (Oroso), que levou un vale por valor de 120 euros –aportado polo Concello de Boqueixón- para canxear por unha comida ou cea no local gañador da Ruta de Tapas 2019, Casa de Xantar Casa Castro.