Venres 14 de Agosto de 2020

O Concello recoñece os éxitos do patinador coruñés Unai Cereijo cunha recepción oficial


A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, recibiron ao deportista, que veu acompañado da súa adestradora e dos seus pais no Pazo de María Pita, e fixéronlle entrega dunha figura da Torre de Hércules

Esta tarde tivo lugar no Pazo Municipal de María Pita a recepción oficial ao deportista coruñés Unai Cereijo, de 12 anos de idade, triple campión de España de Patinaxe Artístico (dous anos na categoría alevín e este ano na categoría infantil) e campión da Copa de Europa na categoría infantil celebrada no mes de setembro deste ano en Roana, Italia.

O xoven patinador foi recibido no Concello pola alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego. Cereijo veu acompañado da súa adestradora e tía, quen tamén é presidenta do Club de Patinaxe Artística Maxia Raquel Camacho ao que pertence Unai, e dos seus país.

Rey amosou a súa admiración por Unai: “Quero que saibas que esa paixón que xa se nota nos teus ollos é a que convence aos xuíces á hora de darche puntuación. En nome do Concello que estamos contigo e queremos darche as grazas por situar A Coruña no mapa porque es o noso campión de Europa e de España e sabemos que ese don que tes seguirá medrando co tempo para conquistar títulos e corazóns nas seguintes categorías” e felicitouno “por ser tan firme dentro e fóra da pista, por traballar cada día para tratar de mellorar, por expresar co corpo as emocións e por poñelas a bailar”.

A alcaldesa entregoulle ao deportista unha Torre de Hércules en cerámica de Sargadelos dedicada como recoñecemento do Concello da Coruña ao seu gran labor no Patinaxe Artístico.