Luns 17 de Febreiro de 2020

Xunta de Persoal e Comité de Empresa instan á alcaldía a aprobar a Oferta Pública de Emprego (OPE) de 2019 aprobada en Mesa de Negociación


 

Os órganos de representación do cadro de persoal salientan que a OPE aprobada, na que se recolle a creación de 12 novas prazas, é a máis importante dos últimos anos..

O pasado 4 de decembro, a Mesa Xeral de Negociación do Concello de Fene aprobou, por unanimidade dos representantes sindicais e maioría absoluta dos representantes da corporación municipal, a OEP de 2019

A OEP aprobada nesta reunión supón a provisión de 12 prazas, 7 por quenda libre (1 de arquitecto/a técnico; 1 de bibliotecario/a; 1 de policía local; 1 de coordinador/a de Servizos Sociais; 1 de conserxe; 1 de peón da recollida do lixo e 1 de auxiliar administrativo/a) que supoñen o 100 da taxa de reposición de efectivos e 5 por promoción interna (1 de arquitecto/a técnico/a; 1 de oficial electricista; 1 de oficial caldeireiro; 1 de oficial da Policía Local e 1 de chofer da recollida do lixo), que supoñen a aplicación da carreira profesional vertical e o recoñecemento profesional daqueles traballadores e traballadoras que veñen desempeñando funcións de superior categoría.

Trátase da Oferta Pública de Emprego máis ambiciosa dos últimos anos, cuxa aprobación permitirá a creación de emprego público estable e de calidade, dimensionar o cadro de persoal ás necesidades derivadas da esixencia de prestar á veciñanza uns servizos públicos de calidade e cubrir, con novas contratacións, as vacantes derivadas da provisión de prazas por promoción interna.

Asemade, os órganos de representación do cadro de persoal tamén instan á alcaldía á aprobación do acordo adoptado na Mesa Xeral de Negociación, relativo á implantación da xornada laboral de 35 horas/semanais.