Luns 10 de Decembro de 2018

Medio Ambiente investirá preto de 350.000 euros no selado dun vertedoiro incontrolado no Parque Natural das Fragas do Eume


A conselleira Ethel Vázquez mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Pontedeume na que explicou as actuacións previstas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas eliminará durante o primeiro trimestre de 2015 un vertedoiro incontrolado situado na parroquia de Ombre, no concello de Pontedeume, no límite oeste do parque natural das Fragas do Eume. Así llo comunicou a conselleira Ethel Vázquez ao alcalde de Pontedeume, Gabriel Torrente, durante unha reunión de traballo mantida a semana pasada en San Caetano.

A Xunta de Galicia investirá preto de 350.000 euros nesta actuación, que se atopa nunha zona de especial protección, e que suporá a retirada de todos os residuos depositados e a rexeneración do terreo afectado. En total a superficie que ocupa o vertedoiro é de 3.913 m2.

Actuacións previas
O pasado mes de xullo traballadores da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI visitaron a zona e constataron que o vertedoiro se atopa totalmente cuberto por vexetación. Pola súa natureza crese que se trata dun vertedoiro máis antigo que o xa selado por esta Consellería en 2003. Na súa parte alta, localízase un terreo de recheo que limita cun camiño que á súa vez separa o antigo vertedoiro dunha canteira xunto á estrada AC-144.

En setembro executouse un desbroce ao longo de todo o perímetro do vertedoiro, realizándose unha serie de catas para determinar as características dos residuos depositados, as cales foron acompañadas dun levantamento topográfico para determinar as súas dimensións.

Os traballos a desenvolver suporán a carga e transporte a un xestor autorizado de todos os residuos existentes no vertedoiro, así como o reperfilado dos noiros e a rexeneración da superficie afectada polas obras con especies autóctonas.

Melloras hidráulicas
Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprometeu co alcalde de Pontedeume a mellora dos servizos de abastecemento, saneamento e augas pluviais na Praza do Conde, unha actuación que está previsto licitar a comezos de febreiro de 2015 cun orzamento de algo máis de 400.000 euros.

A actuación, que xa se atopa no proceso de información pública, ten por obxecto executar una rede separativa de residuais e de fecais, para eliminar parte dos actuais vertidos á ría da rede unitaria existente; evitar as infiltracións de auga mariña á rede de saneamento na zona dos Xulgados, onde a rede se ve afectada polo nivel da marea; e renovar a rede de abastecemento, que sofre numerosas roturas e perdas.