Venres 14 de Agosto de 2020

A Xunta de Galicia financiará na área da Coruña programas sociais desenvolvidos por entidades sen ánimo de lucro


O Goberno galego inviste un total de 12,9 millóns de euros con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Impostos sobre a Renda das Persoas Físicas
A Consellería de Política Social inviste 12,9 millóns de euros con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) a financiar 367 programas de carácter social que impulsan 97 entidades en toda Galicia. No caso das organizacións con sede na Coruña e zona de influencia, son 14 as que se benefician de achegas por un valor de 1,1 millóns de euros.

En concreto, as organizacións da área coruñesa que reciben fondos con cargo a esta orde son: Mestura, Padre Rubinos, Fundación Mujeres, Asociación Viraventos, Fundación Yehudi Menuhin España, Asociación coruñesa de promoción do xordo, Comité Cidadán Antisida (Casco), Plataforma coruñesa de voluntariado, Ecos do Sur, Asociación de persoas con discapacidade (Arela-Cambre), Fundación apoio á integración sociolaboral Rais, Agrupación xuvenil Brigantium, centro Pai Menni Irmáns Hospitalarias e Asociación de persoas con parálise cerebral (Aspace).

A través desta orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF, Política Social axuda ao desenvolvemento de diferentes programas para o apoio a familiares de persoas con discapacidade cognitiva, á integración de persoas inmigrantes, á posta en marcha de campamentos de verán, á atención temperá ou á inclusión de persoas en situación de vulnerabilidade, entre outros.

Ademais, a estas accións hai que engadir as que levan a cabo as distintas federacións de ámbito autonómico que teñen implantación na Coruña e a súa contorna. Este é o caso, por exemplo, de organizacións como a Fundación ONCE, SOS Racismo Galicia, Aulas da Terceira Idade (Ategal) ou as federacións de alzhéimer (Fagal) e de apoio ás persoas con enfermidades mentais (Feafes).

Así mesmo, a Xunta apoia economicamente a través destas achegas do IRPF a outras organizacións que tamén desenvolven as súas actuacións nas principais cidades e vilas da Comunidade, como Cáritas Diocesana, Cruz Roja ou a Fundación Secretariado Gitano.

367 proxectos nas catro provincias
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a resolución de axudas con cargo ao IRPF que distribúe a Consellería de Política Social. Con esta orde impulsaranse ao longo deste ano 367 proxectos en 97 entidades de Galicia.

As actuacións que se financian con estas achegas correspóndense ao eido da familia e a infancia, ao ámbito da inclusión social e a loita contra a pobreza; á area de Xuventude e o fomento do voluntariado; e ao eido da asistencia ás persoas maiores ou con discapacidade.