Venres 14 de Agosto de 2020

San Sadurniño programa para toda esta semana as asembleas do Orzamento participativo


 

O Concello de San Sadurniño inicia este serán en Naraío a rolda de contactos co tecido veciñal de cara a tomarlle o pulso á marcha do municipio e recoller ideas sobre novos proxectos. A diferenza doutros anos, as asembleas vanse concentrar todas ao longo desta semana, para o que será preciso facer varios encontros simultáneos que comezarán en todos os casos ás 20.00h. As asembleas son un foro para achegar propostas sobre investimentos, maneiras de mellorar servizos ou xeitos de cubrir necesidades veciñais, atendendo sempre á súa viabilidade técnica ou económica e ao requisito de que beneficien ao maior número posible de persoas.

O habitual é que cadaquén propoña investimentos para o seu entorno inmediato, como asfaltados, sinalizacións, rozas, construción de sendas peonís, etc. Porén, as asembleas tamén están concibidas como un punto de encontro de onde poidan xurdir ideas beneficiosas para o conxunto do territorio -medidas de aforro, programas de optimización de recursos, novos servizos, etc.- e non exclusivamente para unha zona concreta.

Ademais, nestes encontros infórmase sobre proxectos en marcha ou que se van levar a cabo, co obxectivo de manter a veciñanza ao tanto da xestión municipal. Todas as asembleas terán lugar nos locais sociais de cada parroquia ás 20.00h. e, nalgúns casos, celebraranse dúas xuntanzas á mesma hora.

O programa comeza este serán en Naraío -local social da Veiga- e continuará mañá martes en Bardaos e Igrexafeita. O mércores tocaralle a San Sadurniño -Casa da Xuventude- e a Santa Mariña. O xoves será a vez de Ferreira e a rolda de contactos pecharase o venres coas xuntanzas simultáneas de Lamas -local social de San Xiao- e do Camiño Arriba, esta última na antiga escola.

Quen se achegue ás asembleas -abertas á veciñanza ou a quen teña relación con San Sadurniño- poderá presentar as súas propostas de viva voz ou ben entregalas escritas nesta folla normalizada. A ficha tamén pode rexistrarse presencialmente no Concello ou na Sede Electrónica, mandarse por correo postal -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou enviala ao correo electrónico correo@sansadurnino.gal.

Nos encontros tamén se designarán as persoas representantes de cada parroquia para defender na Mesa do Orzamento as propostas presentadas. Este órgano consultivo ten a función de escolmar as máis necesarias co obxectivo de que o Concello avalíe a súa viabilidade de cara a incorporalas como proxectos ao orzamento de 2020 ou a exercicios posteriores.