Venres 14 de Agosto de 2020

As fortes choivas provocan inundacións en varias aldeas de Brión


As fortes choivas rexistradas nas últimas horas están a provocar múltiples inundacións en varias aldeas de Brión, especialmente nas parroquias de Bastavales, Os Ánxeles e Luaña. O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “a gran cantidade de auga que caeu nas últimas horas está facendo estragos en instalacións como a escola unitaria dos Ánxeles, na piscina municipal e en casas particulares de lugares como Vioxo, Outeiro ou Bastavales. Incluso a propia praza do Concello non dá evacuado toda a auga caída”.

Ante esta situación, “todos os obreiros municipais están traballando para minimizar os danos destas fortes choivas e incluso aqueles que estaban de vacacións foron chamados para incorporárense aos seus postos, reforzándose tamén a dotación de membros de Protección Civil”, sinala o alcalde brionés.