Venres 18 de Setembro de 2020

San Sadurniño abre o prazo de inscrición no programa de Memoria activa para persoas maiores


 

O programa de Memoria activa para persoas maiores que se desenvolve de forma itinerante polos locais sociais das parroquias ten aberto o seu prazo de inscrición, con previsión de empezar ao longo do mes de febreiro. Nesta actividade ponse a traballar a cabeza por medio de sinxelos exercicios, o que prevén a aparición de esquecementos ao tempo que axuda a anticipar a detección de posibles problemas. Para levar a cabo o programa en cada lugar é necesario que haxa un grupo de alomenos 8 persoas. As inscricións poden facerse directamente no Concello ou chamando ao 981 490 027 ext. 1. O último día para anotarse é o 6 de febreiro.

O programa estará formado por sesións de estimulación cognitiva onde as persoas participantes -preferentemente maiores de 55 anos- farán distintos exercicios físicos e mentais.

Máis que unha clase trátase dun punto de encontro con xogos individuais e en grupo que nos axudarán a ter a cabeza en boa forma, retrasando e previndo desta maneira a aparición deses esquecementos tan habituais a partir de certas idades.

Por outra banda, acudir aos obradoiros e facer os exercicios que se propoñen neles -contas, debuxos, actividades de relacionar conceptos, etc.- tamén pode contribuír a unha detección precoz de demencias ou ou outros problemas relacionados coa orientación espacial, a coordinación psicomotriz ou o razoamento lóxico que poden minorarse ou ralentizar o seu avance co tratamento axeitado.

As actividades terán lugar nos locais sociais das parroquias -agás en San Sadurniño, que será na antiga casa do conserxe do colexio- e fará falla xuntar en cada lugar un grupo mínimo de 8 persoas.

Os días e horas son os seguintes: os luns de 17 a 18.00h. en Naraío e de 18.30 a 19.30h. en Lamas, os martes de 17.15 a 18.15h. en San Sadurniño e os mércores de 16 a 17.00h. en Santa Mariña do Monte.

Para anotarse hai que pasar polas oficinas de Servizos Sociais do Concello ou ben chamar ao 981 490 027 ext.1. O prazo para apuntarse remata o 6 de febreiro. Estímase que o prezo da actividade será duns 10 € mensuais.

Cursos da Aula CeMIT
Pensando tamén nas persoas maiores, a Aula CeMIT está levando a cabo desde hai varias semanas un ciclo formativo itinerante centrado no manexo do teléfono móbil: chamar, conectarse a internet, instalar aplicacións e, sobre todo, desenvolverse co aparello sen comprometer a privacidade.

Todas as sesións teñen o mesmo horario: os luns e martes entre as 10.00 e as 12.30h. Os próximos cursos que hai programados son en Santa Mariña a partir do 10 de febreiro, en Igrexafeita desde o 2 de marzo, en Ferreira a partir do 30 de marzo e en Bardaos o curso celebrarase do 4 ao 26 de maio.

Para apuntarse en calquera deles hai que pasar pola Aula CeMIT, enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal ou chamar ao 616 016 793.