Martes 29 de Setembro de 2020

A Deputación compromete apoio técnico, xurídico e económico para que Dodro poida volver a contar con solo industrial


O goberno municipal de Xabier Castro traballa para recuperar a ubicación orixinal do polígono despois de que o anterior executivo decidira trasladar o solo industrial a Cancela Abrea e Rexivós, a pesar da oposición veciñal

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, comprometeu hoxe «todo o apoio técnico, xurídico e económico» da institución provincial para que o Concello de Dodro poida recuperar o emprazamento orixinal do solo industrial do municipio na zona de Fonteprimeiral e impulsar dende alí a implantación de iniciativas empresariais que contribúan a xerar emprego e actividade económica e a fixar poboación neste pequeno municipio de apenas 2.770 habitantes.

«Se queremos que os pequenos concellos sigan tendo vida, necesitamos algo máis que apoialos para que conten con servizos e infraestruturas axeitados. Nos últimos catro anos, a Deputación investiu 2,5 millóns de euros para mellorar rúas e estradas, crear sendas peonís e áreas recreativas ou mellorar as escolas unitarias de Lestrove, Vigo, Chenlo e Bexo, pero é imprescindible xerar actividade económica e emprego para que a xente decida quedarse e establecer aquí a súa familia, o seu proxecto de vida», afirmou González Formoso, que subliñou que unha das prioridades do goberno provincial durante este mandato será precisamente «loitar contra o baleirado do rural apoiando a creación de emprego e servizos no rural».

O presidente da Deputación da Coruña, que hoxe realizou unha visita institucional ao municipio, acompañado da deputada provincial Sandra González, coñeceu de primeira man os plans do goberno municipal de Xabier Castro Tourís de recuperar a situación orixinal do polígono, despois de que o anterior executivo decidira trasladalo á zona de Cancela Abrea e Revixós, a pesar da importante oposición veciñal coa que se atopou.

Castro Tourís explicou que o emprazamento anterior é o máis axeitado para crear o polígono industrial, xa que se atopa nunha zona ben comunicada, nas inmediacións da saída da autovía e da liña do ferrocarril, e explicou que debido á «deficiente planificación» do anterior executivo local, Dodro carece actualmente de solo industrial no seu PXOM, o que lastra o futuro económico do municipio ao impedir que novas empresas poidan asentarse ou que as actuais poidan desenvolverse. «Queremos emendar os erros do pasado e pór en marcha un polígono industrial», afirmou o alcalde.

Durante a mañá, González Formoso e Castro Tourís visitaron as instalacións de dúas empresas asentadas no municipio: Fesba, dedicada á comercialización de polbo e outros produtos do mar conxelados e o taller de confección de peletería Ana Muñoz. A propia Ana Muñoz explicou que se ve na obriga de levar a súa empresa, que xera arredor dun centenar de empregos, a outro municipio próximo debido á ausencia de solo industrial que lle permita incrementar a súa fábrica.

Mellora da seguridade peonil na DP 3302

Na Casa do Concello, o alcalde de Dodro entregoulle ao presidente da Deputación dous proxectos encargados polo goberno municipal para a mellora integral da seguridade na estrada provincial DP 3302.

Un deles inclúe a construción dunha senda peonil, cunha lonxitude de case 2 quilómetros, que conectaría a estrada nacional coa autovía do Barbanza ao longo da DP 3302. As obras facilitarían a mobilidade e mellorarían a seguridade nos desprazamentos a pé nunha zona moi transitada polos veciños, pois comunica distintos equipamentos e centros de uso público, a pesar do cal carece actualmente dunha zona de tránsito seguro para os peóns.

O outro proxecto é tamén unha senda que comunicaría a estrada AC-305 con Manselle. Ambas as dúas suman un investimento superior aos 700.000 euros.

O presidente da Deputación comprometeuse a trasladar os proxectos ao servizo de Vías e Obras para a súa valoración e futura inclusión nos plans de sendas da Deputación. «Esperamos facer realidade cando menos unha destas sendas ao longo deste mandato», afirmou González Formoso.