Xoves 09 de Xullo de 2020

O Concello de San Sadurniño edita un folleto co catálogo de servizos do Centro Municipal de Empresas


 

Hoxe mesmo entrou en Correos o boletín Novas correspondente á información municipal para as próximas semanas, entre a que destaca a programación do Mes de Rosalía de Castro ou a do Entroido. Porén, canda el o servizo postal tamén entregará nos domicilios un folleto con todos os servizos que se poden atopar no Centro Municipal de Empresas. No edificio -situado ao pé da Casa do Concello- comparten espazo nestes momentos un total de 13 pequenos negocios cunha oferta ben variada: peritaxes e medicións de leiras, servizos xurídicos, fotografía e vídeo, drons, transportes, construción, fontanaría, logopedia… A folla informativa a toda cor conta con fichas de cada empresa, o seu catálogo de servizos e os medios de contacto para concertar cita ou pedir orzamento, con idea de que a veciñanza teña sempre á man un listado de profesionais a quen recorrer para facer múltiples traballos sen ter que saír de San Sadurniño.

O Centro Municipal de Empresas de San Sadurniño é un espazo que leva dous anos funcionando xusto enriba da Escola Infantil Municipal A Rolada. Iniciou a súa actividade a mediados de 2017 co obxectivo de facilitar espazos para o emprendemento cun prezo asequible e contribuír desta maneira a ampliar o tecido económico e laboral do territorio.

A súa localización é estratéxica. Está a escasos dous minutos da AG-64, a dez de Narón e a quince do centro de Ferrol. Dispón de oficina de Correos, un aparcamento que sempre ten prazas libres, banco e notaría a só uns metros e, ademais, a proximidade da escola infantil e do CPI San Sadurniño ofrece condicións inmellorables para conciliar familia e traballo. Ademais, na Casa do Concello, grazas ao Portelo único, pódense presentar documentos destinados a calquera Administración pública.

Desde a súa apertura, o centro foi enchéndose de pequenos negocios e dunha longa lista de servizos dos que poder botar man sen ter que saír de San Sadurniño: peritaxes agrícolas e medición de terras, construcións e reformas, asesoramento gandeiro, fontanaría, fotografía e vídeo, transporte e loxística, logopedia, servizos legais, enxeñaría e drons… son só unha pequena parte da oferta existente nas instalacións, recollida no folleto que chegará ao longo dos próximos días a todos os fogares de San Sadurniño.

“A publicación era un compromiso que adquirimos coas empresas, de cara a promocionalas entre a veciñanza do concello”, explica o titular da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela. O concelleiro engade que o CME “é un espazo vivo” no que, ademais, “xa se produciron sinerxias entre empresas, que se apoian unhas ás outras en casos puntuais ao tempo que manteñen as súas propias liñas de negocio”. Por outra banda, Varela comenta que o edificio tamén se move en canto ás empresas: “desde 2017 houbo empresas que viñeron e xa marcharon e tamén houbo novas incorporacións. Neste momento estamos co proceso de adxudicación dun dos locais que acaban de quedar libres”.

Adxudicación das oficinas
O Centro Municipal de Empresas conta con 12 espazos que se adxudican por un período inicial de dous anos prorrogables posteriormente de ano en ano. Aínda que a maioría das empresas e persoas autónomas que o ocupan son as mesmas que nos seus inicios, cada certo tempo quedan locais baleiros aos que se pode acceder presentando a correspondente petición.

O período para solicitar unha oficina está aberto durante todo o ano e cómpre achegar, entre outros documentos, a alta na Seguridade Social -ou escrituras da sociedade- e unha descrición pormenorizada da actividade que se vaia desenvolver e que, en calquera caso, debe axustarse ás características das instalacións.

En base a esta solicitude faise unha valoración de ata nove parámetros -nº de empregos creados, oferta innovadora ou que non exista en San Sadurniño, iniciativas que estean empezando, etc.- cos que se poden obter ata 100 puntos. De acordo coa puntuación acadada, faise unha proposta de asignación dos locais e unha lista de agarda para futuras incorporacións a medida que vaian quedando libres. Ademais, mesmo se ofrece a posibilidade de que unha empresa ou persoa autónoma compartan o espazo -e os gastos- con outra que xa teña local concedido.

A taxa en vigor neste momento é de 6,17 € mensuais por metro cadrado, nos que se inclúe tanto o uso da oficina como a electricidade, a calefacción, o acceso a Internet, unha caixa de correo no recibidor, a sala de xuntanzas, a limpeza dos lugares comúns e o asesoramento do Técnico de Desenvolvemento local en materia de subvencións e prospección de posibles liñas de negocio.

Porén, o CME tamén ofrece outras posibilidades de uso aínda que non se dispoña de oficina. Calquera empresa ou entidade pode solicitar dar de alta as instalacións como domicilio social -21,15€/ano- con dereito a un buzón para o correo e a utilizar a sala de reunións para celebrar asembleas ou reunirse con clientela. A sala tamén está dispoñible para o seu uso libre -previa solicitude- cunha taxa de 5,29€/hora.

Para obter máis información sobre a dispoñibilidade de locais ou preparar a documentación de solicitude pode contactarse co Técnico de Desenvolvemento local no 981 490 027. O regulamento de usos do Centro Municipal de Empresas e o que establece as distintas taxas -que se incrementan ano a ano segundo o IPC-, así como os modelos de solicitude atópanse nesta ligazón.