Domingo 29 de Marzo de 2020

Román Rodríguez felicita ao destino as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo na entrega dos recoñecementos SICTED 2019 en FITUR


 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, felicitou hoxe, no marco de Fitur, ás entidades e destinos galegos distinguidos polo Sistema Integral de Calidade Turístico en Destinos (SICTED). Concretamente, na categoría de destinos noveles, foi premiado o destino As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Trátase dun recoñecemento que se entrega aos destinos que acadan por primeira vez esta distinción. Ademais de As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, na X edición dos Premios SICTED tamén se recoñeceu ao Camping Paisaxe II e ao destino de Terras de Compostela.

SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo, co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Trátase dun proxecto que ten como obxectivo incrementar a experiencia e satisfacción dos turistas e visitantes que cada vez ten máis peso na nosa Comunidade. De feito, o número de empresas con este recoñecemento medrou un 25% na última década.