Venres 27 de Novembro de 2020

O BNG pide cubrir a atención pediátrica na comarca de Ferrolterra e centro de saúde de As Pontes


Montse Prado afirmou que 3.100 nenos e nenas teñen unha atención pediátrica insuficiente e a consellería de Sanidade ofrece como única alternativa que acudan ao servizo de Urxencias do Hospital Arquitecto Marcide

A deputada do BNG, Montse Prado levou hoxe ao parlamento a “deficiente atención pediátrica” na comarca de Ferrol ante a falta de profesionais nos concellos de Fene, A Capela, Ares, Mugardos, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas e a ausencia de pediatras no Centro de Saúde de As Pontes.

Na súa intervención criticou que ante as demandas dos pais e nais a única alternativa ofrecida pola consellería de Sanidade sexa acudir cos nenos e nenas de 0 a 1 anos ao Hospital Arquitecto Marcide e os maiores de tres anos pasar consulta cos médicos de familia. Para a deputada, esta situación provoca que os nenos e nenas non sexan atendidos por especialistas en pediatría e tampouco hai continuidade sanitaria e de seguimento dos nenos e nenas. Ademais, dixo, cada día hai un profesional diferente que precisa máis tempo para tratar aos pequenos o que conleva “demoras” nas consultas.

A parlamentaria do BNG asegurou que resulta evidente a decisión do Partido popular para concentrar servizos, e neste caso pediatría, “nas vilas grandes e cidades” deixando os concellos do rural desprotexidos. Esta é unha práctica continuada e ultimamente os concellos de Moeche, As Somozas e Cerdido son un claro exemplo desa «merma” de atención pediátrica.

Prado lembrou que a atención antes era itinerante pero agora, dixo, constatamos a falta de planificación do goberno para cubrir as baixas e moito nos tememos que vai continuar por esa senda polo que preguntou cando se van cubrir as prazas baleiras.
A deputada lamentou que o director xeral de Asistencia sanitaria, Jorge Aboal non respondera a ningunha das preguntas formuladas polo BNG e asegurou que este proceder só conduce a que moitos pais e nais aumenten a súa preocupación pola falta de asistencia pediátrica.