Sábado 06 de Xuño de 2020

O concerto de Roi Casal abre este sábado en San Sadurniño o Mes de Rosalía


A área de Cultura do Concello de San Sadurniño vai dedicarlle o mes de febreiro á figura de Rosalía de Castro por varios motivos. O primeiro é que se trata do mes do seu nacemento -en 2020 fanse os 183 anos-, o segundo é que está considerada a nai indiscutible do rexurdimento do galego como lingua literaria e, o terceiro, que a súa poesía e a súa prosa desprenden unha mensaxe de empoderamento feminino máis actual que nunca. Durante as próximas semanas desenvolveranse varias actividades relacionadas coa escritora que comezarán este sábado 1 de febreiro ás 19.00h. na Casa da Cultura co concerto «As músicas do Camiño» do cantautor Roi Casal, quen lle puxo música a varios poemas da autora. As entradas poden reservarse xa a través do teléfono 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal cun prezo único de 5€.
Arpista e zanfonista virtuoso, Casal iniciou a súa carreira en solitario en 2009 despois de case unha década formando parte de Milladoiro. “Lendas douradas”, “Maxicamente vello” e “Donos do noso destino” foron os tres traballos editados desde aquela con notable éxito de público e crítica, aínda que foi o proxecto “Son galego, son cubano” o que o asentou definitivamente como un dos principais referentes da música galega actual.
Roi Casal foi un dos músicos convidados pola RAG ao 180 aniversario de Rosalía de Castro e no seu primeiro traballo en solitario -“Lendas douradas”- figura a versión melódica da poesía “Ninfa das frescas augas”, quizais unha das pezas máis coñecidas do cantante e instrumentista que agora se embarca na xira «As músicas do Camiño» co patrocinio do Xacobeo 2021.
O concerto deste sábado na Casa da Cultura de San Sadurniño comezará ás 19.00h. As entradas poden mercarse na taquilla do centro social ata minutos antes da actuación ou ben mercarse de forma anticipada pasando pola oficina do técnico de Cultura en horario de mañá. Tamén hai a opción de reservalas no 616 332 919 ou mandándolle un correo electrónico a agustin.perez@sansadurnino.gal. Recoméndase botar man de calquera destas dúas últimas posibilidades, xa que o aforo do auditorio é limitado.
Máis actividades
En relación co Mes de Rosalía, Cultura ten aberto desde hai uns días o prazo de recepción de traballos para compoñer a exposición «Aló no recuncho máis fermoso» coa que se pretenden encher as catro paredes da Galería Municipal. Será unha mostra colaborativa na que pode participar coas súas creacións calquera veciña ou veciño, xa sexa a título particular ou formando parte dalgún colectivo.
O estilo é libre -pintura, collage, debuxo, etc.- e só se pon como condición que todos os deseños se fagan sobre unha cartolina de cor que podemos mercar en calquera papelaría ou recoller de balde na Casa do Concello ou na Casa da Cultura. O departamento de Cultura convida a participar, ademais, no vídeo sobre o proceso creativo que se ten previsto gravar nos próximos días. Para ser parte deste audiovisual hai que contactar antes coa Técnica de Igualdade no 981 490 027 ext.1 de cara a coordinar os momentos da rodaxe.
A idea é proxectar o vídeo o sábado 29 de febreiro dentro do peche do Mes de Rosalía que terá lugar na Casa da Cultura a partir das 19.00h. O programa inclúe tamén o pase da curtametraxe «Negra sombra» de Pablo Millán -producida dentro do 3º Chanfaina Lab-, así como dos «vídeopoemas» feitos no curso de manexo do móbil ofrecido en Lamas pola Aula CeMIT.
A parte musical do evento porana a Escola municipal de pandeireta, o Coro de cantos de taberna e tamén as persoas -rapazada e xente adulta- que participen no Obradoiro de Rap con Versos de Rosalía que ofrecerá A Vella Escola na Casa da Xuventude ese mesmo día entre as 16.45 e as 18.45h. Hai 25 prazas dispoñibles que, coma sempre, poden reservarse no enderezo agustin.perez@sansadurnino.gal e no teléfono 616 332 919.
O acto de clausura do Mes de Rosalía estará conducido pola rapazada do Club de Lectura da Biblioteca e ao remate sortearase unha lámina do artista gráfico Juanlu Fernández entre todas as persoas que achegasen obras á exposición «Aló no recuncho máis fermoso».