Venres 29 de Maio de 2020

Os Bombeiros doan unha padiola en forma de camión para as nenas e os nenos do Materno Infantil


A alcaldesa, Inés Rey, entregoulle esta tarde ao hospital o elemento en que viaxarán a quirófano os pequenos e pequenas co fin de que se relaxen e esquezan onde se atopan

A alcaldesa entregoulle esta tarde ao xerente da Área Sanitaria Integrada da Coruña, Luis Verde, unha padiola en forma de camión de Bombeiros que, grazas ao cadro de persoal que traballa no parque na Agrela, transportará as nenas e os nenos á zona cirúrxica do hospital Teresa Herrera. Esta novidade fará que as/os enfermas/os se esquezan de onde se atopan e que vaian á mesa de operacións máis relaxadas/os, ademais de substituír a frialdade propia dun centro sanitario por un elemento de entretemento e distracción. Tendo en conta que o factor psicolóxico axuda enormemente á recuperación das e dos pacientes, os Bombeiros da Coruña doaron esta peza dentro dun conxunto de accións que realizan no Materno Infantil e que consisten en visitaren os nenos e nenas ingresadas e realizaren actividades para lles axudaren a pasar mellor a súa estadía no hospital.