Sábado 06 de Xuño de 2020

A Coruña acollerá a próxima reunión de traballo dos municipios do Eixo Atlántico


O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, reuniuse esta mañá en María Pita con representantes do Eixo Atlántico para analizar as cuestións que tratará a asemblea xeral que terá lugar o venres en Matosinhos e na que participa o Concello

O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade Juan Díaz Villoslada, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, para abordar entre outras cuestións, os temas que se tratarán na asemblea xeral que o Eixo celebra o mércores na Cámara Municipal de Matosinhos e onde se dará luz verde á incorporación dos municipios de Culleredo e Póvoa do Varzim. A xuntanza serviu ademais para anunciar que A Coruña acollerá a finais de mes a próxima reunión de traballo de todos os municipios que integran o Eixo Atlántico. Está previsto que no devandito encontro se analicen distintos plans de mobilidade urbana sostible que teñan como eixos a eficiencia ambiental, a cohesión social e o ordenamento dos espazos públicos.

Os representantes do Eixo expuxeron ao titular de Urbanismo os seus principais proxectos e as liñas nas que están a traballar na actualidade no ámbito do turismo, a cultura, a sustentabilidade e o transporte. Ademais, presentaron un informe sobre o impacto do turismo na morfoloxía urbana dos concellos do Eixo, e analizaron os distintos programas que se están desenvolvendo con fondos europeos.

Ademais, do concelleiro de Urbanismo e do secretario xeral do Eixo, na reunión estiveron presentes Santiago Roura, coordinador xeneral municipal; José María Peña, coordinador Eidus Coruña; Elvira Quintairos, directora da área de Mobilidade; Rita Fidalgo, responsable de Programas do Eixo; e Marta Cabanas, responsable do departamento de Proxectos Europeos.