Martes 29 de Setembro de 2020

Medio Ambiente publica a orde pola que se declaran de forma provisional as Brañas de Sada espazo natural de interese local


O Concello, como promotor da iniciativa e responsable da súa futura xestión, terá agora dous anos para presentar o plan de conservación correspondente, un requisito imprescindible para poder obter a declaración definitiva como ENIL

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se declara de xeito provisional como espazo natural de interese local (ENIL) a paraxe Brañas de Sada. Ábrese a partir de agora un prazo de dous anos para que o Concello de Sada, promotor da proposta, deba presentar o Plan de Conservación correspondente, requisito imprescindible para poder obter a declaración definitiva.

Cómpre lembrar que a figura do ENIL está recollida na Lei de Conservación da Natureza do ano 2001 como unha das categorías nas que se clasifican os espazos naturais protexidos. Concretamente, a consellería con competencias en materia de conservación do patrimonio natural poderá distinguir con esta figura e sempre a iniciativa do concello no que estea localizada, aqueles espazos naturais que, polas súas singularidades, sexan merecedores dalgún tipo de protección. A responsabilidade e xestión destes espazos será municipal, así como a obriga de presentar o correspondente plan de conservación.

No caso das Brañas de Sada e segundo consta na orde de declaración provisional, este Plan deberá ter en conta as consideracións feitas e recollidas nos informes sectoriais aos que se alude na parte expositiva da orde e terá que garantir que a xestión que se propoña para o ENIL teña coherencia e sexa compatible coa conservación dos valores existentes na zona. Ademais, o documento deberá considerar o carácter da zona como área potencial de presenza da escribenta das canaveiras, especie catalogada como en perigo de extinción.

A declaración provisional deste ENIL non comporta a súa inclusión na Rede Galega de Espazos Protexidos, nin implicará a asignación de recursos económicos por parte da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

Características e valores naturais do espazo
O ámbito da declaración das Brañas localízase na parroquia de Santa María, no Concello de Sada, e constitúe un espazo natural relevante dentro da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Este espazo abrangue a superficie onde se localizan as charcas, as antigas telleiras, o arroio do río Vado e o regato de Fontoira, no seu encontro co arroio do río Vado.

En canto á calidade ambiental das Brañas de Sada, cómpre subliñar que se trata dunha zona húmida de orixe artificial naturalizada, na que as cubetas feitas como consecuencia da actividade das telleiras conforman un ecosistema acuático cunha serie de lagoas de auga doce que propiciaron a colonización natural polo bosque de ribeira. A vexetación correspóndese con comunidades propias de zonas húmidas de auga doce, constituídas fundamentalmente por salgueiros, ameneiros e esporadicamente loureiros.
Estas árbores observadas na ribeira das lagoas amparan un sotobosque rico en especies hidrófitas, silveiras, hedras, chuchamel, fieitos, musgo e hepáticas.

As aves constitúen un dos grupos máis relevantes na zona desde o punto de vista da fauna; como especies destacadas cómpre subliñar o martiño peixeiro, o falcón peregrino e o pato cullerete, xunto a unha importante poboación invernante de cerceta real. Ademais, como xa se mencionou, o espazo atópase dentro da área potencial da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanica), que figura no Catálogo galego de especies ameazadas.

Ademais da presenza da lontra, entre os anfibios destaca unha gran poboación de Pelophylax perezi e de exemplares de ra ibérica, esta última cualificada como vulnerable tamén no catálogo galego de especies ameazadas.

O valor ecolóxico desta zona xa foi recoñecido coa aprobación por parte da comisión provincial de Urbanismo do Plan de Protección das Brañas, un espazo natural que figura ademais dentro do Inventario de Humidais de Galicia e aparece rexistrado como corredor ecolóxico no Plan de Ordenación do Litoral (POL).