Sábado 22 de Febreiro de 2020

Medio Ambiente analizará o estudo de viabilidade do futuro parque empresarial de Coristanco


A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta mañá co alcalde para o contido deste proxecto promovido pola administración local

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, para coñecer os proxectos que a Administración local pretende poñer en marcha no termo municipal.

Así, o alcalde achegou un documento que constitúe o Estudo de viabilidade para o desenvolvemento do Parque Empresarial de Coristanco, onde se acredita a idoneidade dunha determinada localización e se establece unha ordenación para minimizar calquera posible efecto na contorna.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que o órgano encargado de emitir o informe sobre a idoneidade deste novo equipamento é o Instituto Galego da Vivenda e Solo, polo que se lle trasladará a documentación presentada polo concello, e iniciará as consultas necesarias aos organismos oportunos.

Na reunión, a conselleira e o alcalde tamén abordaron a necesidade de traballar no acondicionamento da contorna d refuxio de Verdes, co fin de que as melloras que se poidan executar na zona permitan mellorar a oferta dun turismo sostible. Ángeles Vázquez trasladoulle que o seu departamento analizará as posibilidades de colaborar nesta actuación, que tamén implicaría unha mellora do patrimonio natural na zona.

Deja un comentario