Domingo 27 de Setembro de 2020

María Pita abandeira a troula deste Entroido coruñés que lembrará a Fernando Amaro


As concelleiras Diana Cabanas e Yoya Neira presentaron a programación, que comezará este venres co Concurso de Orellas e incluirá un tramo do desfile de carrozas en silencio para favorecer a inclusión das nenas e nenos con hipersensibilidade acústica

As concelleiras de Festas e de Benestar Social, Diana Cabanas e Yoya Neira, presentaron esta mañá a programación deste Entroido, que terá como imaxe un deseño da coruñesa Rosa Triay “nesa teima por impulsar o talento local”, e que lle deu unha volta á famosa frase de María Pita, figura central do cartel, para crear unha nova consigna ‘Quen queira troula que me siga’, coa que se anima a veciñanza a que poña unha perruca e pise o asfalto. Cabanas sinalou que as persoas protagonistas desta festa popular serán as coruñesas e os coruñeses e que aínda que o groso do programa está reservado para a fin de semana do 22 e o martes de Entroido, a primeira das citas será xa este venres co Concurso da Orella de Radio Voz e seguirá co de comparsas, en modalidade de música e letra, o sábado ás 18.00 horas no Teatro Colón, onde sete agrupacións amosarán as súas creacións e para a que se repartirán convites, un máximo de dous por persoa, desde mañá no quiosco da praza de Ourense.

A edila destacou a ofrenda floral que se realizará en homenaxe ás cigarreiras o Xoves de Comadres, ás 20.00 horas, na praza da Palloza, e o percorrido posterior en tributo “ás nosas mulleres, que pasará pola estatua de Pardo Bazán, o Teatro Rosalía, a praza de María Pita e as rúas máis céntricas”. Desde a exaltación á filloa no certame de Radio Voz o día 21 ao torneo choqueiro de petanca do martes pola
Nota de Prensa

mañá, Cabanas repasou os principais eventos coa entronización do deus Momo no Obelisco o venres, ás 21.00 horas, que irá precedida por unha ofrenda floral a Nito, ás 19.30 na avenida Pedro Barrié de la Maza. En Monte Alto quedará instaurado esa noite o velorio da sardiña no Art T Café, en Santo Tomás, e o Entroido montará en carroza o sábado, cun desfile no que están inscritos ata 27 grupos que loitarán por premio na categoría de vestiario e coreografía. Partirán ás 17.30 horas do Cantón Pequeno, “todo un festival para os sentidos que terminará en cumbia coa Orquesta La Ocaband en María Pita”. A edila destacou a xornada do martes, que empezará ás 12.45 horas “cando nos despracemos a tributar os grandes de noso Entroido. Non quixeramos que fose tan cedo, pero este ano engadímoslles un novo nome aos mellores choqueiros que xa non están. Fernando Amaro recibirá unha homenaxe moi sentida na rúa Areal, xunto ás de Canzobre, César San José e Juan Manuel Iglesias Mato ‘Palau’”.

Pola tarde, a festa trasladarase á Torre “na rúa e no escenario, ao que se subirán as persoas participantes dos concursos individuais e colectivos de disfraces”, nunha cita á que Gandy e a Banda do Camión lle poñerán ritmo e que terminará coa entrega de premios dos certames, ás 21.00 horas, para despedírmonos do Entroido o mércores co tradicional enterro da sardiña en Santo Amaro. Cabanas agradeceu a presenza do persoal representante das comparsas na rolda de prensa “que viven con paixón esta festa do pobo”, que este ano será aínda máis participativa e inclusiva coa posta en marcha do “Tramo sen ruído”, do que falou Yoya Neira e polo que tamén estiveron presentes persoas dos colectivos Aspanaes e de Asperga.

A responsable de Benestar Social explicou que se realizará un anaco do desfile do sábado en silencio para favorecer a inclusión das nenas e nenos con hipersensibilidade acústica, “unha materia obrigatoria a da inclusión e a de darlle visibilidade a un problema que está detrás dunha cortina”. Pola súa parte, Romualdo dos Maracos convidou xunto a Chucas, de Monte Alto a 100, a que a veciñanza se disfrace “porque se pasa moi ben”.