Martes 29 de Setembro de 2020

A Deputación da Coruña destina case un millón de euros ás entidades do sector turístico para a mellora da calidade


Os entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos poderán presentar ata o vindeiro día 29 de febreiro as súas propostas á liña de axudas en concorrencia competitiva á que a Deputación da Coruña destina un total de 875.000 €. O obxectivo da liña, que promove a área de Turismo, é a mellora da calidade, competitividade e actividades do sector.

A Deputación da Coruña destina case un millón de euros ás entidades do sector turístico para a mellora da calidade
O 29 de febreiro é o último día do prazo para que entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos se presenten á liña de axudas para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas para a que a Deputación da Coruña conta cun orzamento de 875.000 €.

Poderán concorrer os consorcios turísticos e mancomunidades, as asociacións turísticas que teñen como finalidade a xestión dun xeodestino ademais de estar participadas, como mínimo, do 75% dos concellos do territorio ademais doutros modelos de entes de xestión turística e asociación sen ánimo de lucro que realicen actividades turísticas e manteñan oficinas operativas e atendidas en edificios singulares ou significativos.

«A liña de axudas supón traballar de maneira cooperativa con concellos e entidades para a mellora da calidade do sector turístico e a súa profesionalización, o que tamén se realiza a través das entidades que operan no ámbito turístico que son de especial relevancia neste ámbito para o que a xestión do territorio é de especial relevancia», sinala o vicepresidente e deputado da Área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

Con esta liña de axudas, a Área de Turismo subvencionará actuacións en materia de calidade na prestación dos servizos no territorio encamiñados á profesionalización do sector, a organización e celebracións e eventos turísticos, iniciativas de desenvolvemento de produtos ou a xestión técnica dos entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios. Os proxectos serán subvencionados cun máximo de 120.000 €, un 80% do orzamento de gastos presentado.

Os criterios de valoración á hora de puntuar as solicitudes presentadas computará, entre outros, o número de prazas de aloxamento turísticos no territorio, a poboación residente, as festas de interese turístico galego ou estatal, a valoración técnica do proxecto presentado, a capacidade de autofinanciamento e o emprego do galego.

Na pasada edición da liña, dez foron as entidades que se beneficiaron da subvención para a realización de accións formativas, desenvolvementos de produtos turísticos, plans de mellora de calidade e competitividade ou programas de promoción turística. Entidades como o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, o ente de Turismo de Santiago de Compostela, a Asociación de Empresarios de Promoción Turística de Camariñas, a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, a Asociación de Turismo da Costa da Morte, a Asociación Rural de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia ou as mancomunidades de concellos de Ferrol e a Ría Arousa-Norte, Asociación Comarca Ortegal, Asociación Muxía Natural foron as que viron os seus proxectos apoiados pola Área de Turismo da Deputación da Coruña na convocatoria do pasado ano.