Sábado 22 de Febreiro de 2020

Turismo de Galicia compromete o seu apoio ao Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal


Empeza a conta atrás. En abril deberá presentarse perante o Comité Español de Xeoparques a carta intencións dos municipios do Ortegal na que se exprese o seu interese en promover esta figura da UNESCO. Un primeiro paso que debe estar respaldado tanto polos concellos integrados no proxecto como polo tecido social e outras administracións. A Deputación da Coruña acompaña aos municipios practicamente desde o inicio, achegando para iso asesoramento e recursos económicos. Agora é a Xunta de Galicia quen aposta polo xeoparque a través da Dirección Xeral de Turismo, tal e como quedou patente nun encontro celebrado esta mañá en Santiago no que participaron a responsable do departamento, Nava Castro, e representantes dos concellos de Cerdido, Cedeira, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, ademais do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira. A xuntanza tiña como obxectivo solicitar a carta de apoio á candidatura por parte de Turismo de Galicia quen, ademais de comprometerse a achegar o texto, tamén puxo enriba da mesa distintas posibilidades de colaboración para que o xeoparque vaia adiante.
A reunión encádrase na rolda de contactos do Consello de Dirección do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal para apuntalar a iniciativa con máis apoios institucionais. O ente xa lle cursou a petición ás tres universidades e hai aproximadamente un mes obtivo o compromiso expreso da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de asinar a carta de recomendación esixida polo Comité Español de Xeoparques para a selección de candidaturas, en aplicación do protocolo marcado pola UNESCO.
Na xuntanza con Nava Castro e outros responsables do seu departamento alcanzouse o acordo de que Turismo de Galicia tamén manifeste a súa colaboración co proxecto. E non só cunha carta de apoio, senón tamén con accións concretas. Entre as distintas posibilidades que se trataron está a de incluír o logotipo do Cabo Ortegal nas actividades promocionais que desenvolva Turismo de Galicia relacionadas co territorio.
Porén, tal e como sinalou a presidenta de quenda do Consello de Dirección, Beatriz Bascoy, o encontro tamén serviu para alcanzar un acordo «de maior calado» que se materializaría coa sinatura dun convenio de cooperación cos sete municipios e a área de Turismo da Deputación da Coruña coa finalidade de «establecer un marco de colaboración entre as distintas administracións que apuntale a iniciativa como un proxecto común». Neste sentido agárdase que tanto os concellos como a Deputación reciban ao longo da semana que vén a proposta do acordo que, trala súa revisión técnica, deberá ser aprobado en pleno como paso previo á súa sinatura.
O Consello de Dirección do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal manterá o próximo día 21 unha xuntanza extraordinaria na que se abordará o contido desta nova vía de colaboración. Na orde do día hai previstos máis temas. Entre outros, farase unha avaliación de resultados da presenza en FITUR do proxecto e, nomeadamente, das reunións mantidas durante a feira con responsables doutros xeoparques e dos organismos estatais da UNESCO encargados da aceptación e tramitación das candidaturas. Tamén se falará do calendario de actividades conxuntas para os próximos meses e da contratación de accións para todo o territorio relacionadas coa posta en valor dos recursos, coa divulgación e coa preparación técnica da candidatura.

Deja un comentario