Martes 31 de Marzo de 2020

Moeche aproveita o bo tempo para rematar as obras viarias do POS e da AGADER


 

Durante os últimos días estiveron levándose a cabo numerosas obras repartidas polo territorio de Moeche. Trátase dos proxectos acollidos ás distintas liñas do POS provincial -principalmente o POS Adicional- e tamén ao programa de mellora de camiños municipais da AGADER, nutrido con fondos europeos. Aínda que todas as obras son importantes e igualmente necesarias, as máis destacadas que xa están rematadas seguramente sexan os aglomerados da pista das Pedreiras que enlaza con Bardaos, o da explanada sur do recinto de San Ramón -e a súa conexión coa estrada provincial- e tamén o do principal acceso ao castelo de Moeche, que quedou listo este mediodía. Porén, ademais destes proxectos, hai outros xa rematados, en marcha ou a piques de finalizarse nos próximos días.

O Plan Complementario 2019 é unha liña económica da Deputación da Coruña posta a disposición dos concellos en base ás previsións de remanentes económicos que fai o ente provincial xa no momento de convocar o POS+. A cousa vai así: no último trimestre de cada ano, a Deputación fai a asignación de fondos do antigo plan de obras e servizos dividíndoo en tres partes, unha cantidade fixa, outra en forma de crédito que os concellos poden coller ou non e, a terceira -o Plan Complementario-, na que se lles pide aos municipios que propoñan proxectos economicamente sostibles que sumen alomenos o 20% do importe total que se lles adxudicou no POS+.

O cálculo do Plan Complementario dá como resultado unha contía e unha relación de actuacións que deben agardar a que, ao longo dos meses seguintes, a Deputación anuncie a dispoñiblidade de recursos para poder levar a cabo os proxectos. De feito, o reparto do POS+ 2019 aprobouse en cada concello en decembro de 2018, mentres que a luz verde para o Plan Complementario se deu en abril de 2019, cando a Deputación confirmou a dispoñibilidade de fondos por medio do chamado Plan Adicional, que os concellos puideron dedicar a novos proxectos ou ben -como fixo a maioría- a executar os que xa figuraban como previsión no Plan Complementario.

Deixando a un lado esta descrición sintética e simplificada -e tamén un tanto liosa de entender- sobre o funcionamento das axudas provinciais para obras, o que toca agora é ver como vai a execución dos proxectos que se acolleron a elas.

Con cargo ao POS Adicional (os proxectos incluídos no Plan Complementario) están en execución dous camiños adxacentes na zona da Ribeira e tamén da coñecida como estrada de San Xiao, que suman arredor de 2,5 Km. de vías municipais. O tramo de San Xiao está xa listo tras renovarlle o firme con aglomerado e o da Ribeira vaise reparar de forma inminente, despois de que a adxudicataria fixese os labores previos de limpeza da pista e das cunetas. Na mesma situación encóntranse o camiño das Filgueiras -desde o límite con San Sadurniño até o cruzamento da área recreativa de Souto Grande- e un tramo de pista que enlaza a Casanova coa estrada de Ortigueira no Libureiro. O proxecto no que se engloban estas obras ten un custe de 22.500 € e consistirá na aplicación dunha nova capa de rodadura con rego asfáltico, algo que a empresa adxudicataria conta facer na semana que entra.

O último dos proxectos acollidos ao POS Adicional 2019 -que xa está contratado e de comezo inmediato- centrarase na ampliación do número de marquesiñas e dos peches de colectores do lixo. As novas casetas do transporte instalaranse en Finlle, nas Sete Pontes, Penasalbas, O Retorno e Portogonzalbo. As bases e as ancoraxes de colectores chegarán a 32 puntos do concello, 13 para un único depósito e 19 para dous, ademais doutros 10 onde se colocarán abrazadeiras de aceiro inoxidable. O contrato para todo este mobiliario urbano ascende a 27.576,35 euros.

Finalizadas as obras da AGADER e do POS+
No apartado de reparacións viarias cómpre sinalar os proxectos finalizados nos últimos días, acollidos nun caso ao POS+ 2019 e, no outro, ao Plan de camiños da AGADER.

En 69.575 euros adxudicáronse as obras para aglomerar a parte sur do recinto feiral -a explanada fronte á nave do gando- e a estrada das Pedreiras, que comunica Moeche con Bardaos. Dentro desta actuación botóuselle unha nova capa bituminosa á chamada Rúa da Feira, despois de dotala de infraestruturas de drenaxe e de evacuación de pluviais das que non dispuña ou que estaban en mal estado. A segunda metade do proxecto, o aglomerado da pista das Pedreiras, serviu tamén para arranxar as beirarrúas na confluencia coa estrada de Ortigueira e para repoñer as canalizacións ao carón da depuradora municipal.

Por outra banda, con cargo ao programa financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural con fondos europeos reparáronse cerca de quilómetro e medio de pistas: 755 metros da estrada que comunica Loira con Abade, o asfaltado desde a Casanova até Xordo -uns 475 metros de distancia- e o aglomerado do principal acceso ao castelo de Moeche, que veñen sendo 240 metros de ancho variable desde o cruzamento de Nogueirido até pasada a fortaleza en dirección a Felgosa, tramo que inclúe a zona de estacionamento ao carón do campo da festa.