Martes 31 de Marzo de 2020

Xa se pode visitar de novo o castelo de Naraío


Finalizan as obras de mellora da accesibilidade e de consolidación da fortaleza, cun investimento próximo aos 170.000 euros cofinanciados pola Deputación da Coruña e o Concello de San Sadurniño

 

Aí vos vai unha proposta de ocio para estes días solleiros da fin de semana do Entroido e o festivo do martes: achegarse a Naraío e dar unha volta polo castelo que, desde hoxe mesmo, volve estar aberto ao público oficialmente. Van aló case cinco meses de obras para levar adiante a terceira fase de rehabilitación da fortaleza medieval. Máis que rehabilitación, mellora da accesibilidade e da seguridade do seu entorno, onde se adecentaron sendeiros, instaláronse varandas disuasorias e, o máis rechamante, armouse unha estrutura interior que permite subir ao curuto da torre e admirar desde alí unha fantástica vista panorámica do Saíme e parte do val do Castro. Nestas actuacións investíronse arredor de 170.000 euros, cofinanciados nunha proporción 80-20 pola Deputación da Coruña e o Concello. Este mediodía achegáronse á edificación membros do equipo de goberno, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e tamén a presidenta da AVV O Castelo, Almudena Vega, quen asistiron ás explicacións sobre a intervención ofrecidas por José Antonio Alonso -arquitecto encargado do proxecto- e por Juan Martínez, responsable de obra da empresa adxudicataria dos traballos, Desarrolla Obras y Servicios S.L.

«É unha continuación das obras iniciadas en 2008. Faltaba facer visitable o castelo sen riscos, ademais de poñelo en valor con estes traballos», comentaba Secundino García, mentres que a filosofía desta terceira fase que se levou a cabo no castelo de Naraío explicábaa a media mañá o arquitecto. «O criterio principal foi consolidar a ruína e facer visitable un castelo moi singular, intacto na súa morfoloxía a pesar dos espolios, posto que nunca foi modificado ao longo do tempo como foron outros. Este quedou abandonado durante moitos anos e agora estamos atopando solucións construtivas sobre como se traballaba na época medieval. Naraío aínda nos depara moitas sorpresas», explicou José Antonio Alonso.

Con ese punto de partida, os planos incorporaron un itinerario circular que arranca ao pé do rochedo, xusto no lugar onde estaba o foxo. Unha nova estrutura de escaleiras metálicas salva arredor de tres metros de desnivel para enlazar co sendeiro principal, que sobe dando unha grande volta intercalando chanzos de madeira con outros máis amplos feitos directamente sobre o chan con xabre, unha especie de area grosa protexida das escorrentías con pequenas pezas metálicas.

A un e outro lado dos tramos que ofrecen maior perigo, o proxecto optou por instalar unha varanda de ferro que ten máis a finalidade de disuadir para non arrentarlle ás beiras que unha función protectora. Botouse man desta solución técnica pola súa boa integración nun entorno con protección patrimonial e polo feito de que fundir zapatas para unha varanda máis resistente significaría ter que afondar no terreo, usar cemento e, quizais, comprometer elementos de grande valor aínda ocultos debaixo da terra.

Ás portas da fortaleza, nos restos do muro perimetral que soportaba o enciño, agora atopamos unha grande cancela de ferro de dúas follas que, unha vez traspasada, nos dá a opción de continuar até a torre ou desviarnos á zona inferior. Se optamos por esta segunda posibilidade chegaremos ao que antigamente deberon ser estancias, sobre as que se construiu unha plataforma de madeira que percorre a fortaleza de lado a lado.

No paseo veremos pedras amoreadas -vellos entullos que se reaproveitaron en parte durante a intervención para facer escaleiras- e tamén unha especie de gaiola semellante a un galiñeiro que enche unha grande abertura do segundo muro da fortaleza. A finalidade desa estrutura é evitar que alguén esvare e vaia parar á canle da central, pero tamén representar dunha maneira moi visual e novidosa o cacho de muralla que falta.

Tras percorrer este segundo nivel, subiremos pola cara leste do castelo ao superior, xusto ao pé da torre, pasando por riba dunha grande capa de entullos que colmatan un espazo que, segundo os arqueólogos e o arquitecto, estivo abovedado, tal e como indican os fragmentos dos arcos e os arranques da cuberta atopados durante unha das catas realizadas ao abeiro das obras. E é que no castelo de Naraío aínda hai moita pedra ciscada por todos lados. Segundo Juan Martínez, encargado de Desarrolla Construcciones y Obras S.L., «un dos grandes retos loxísticos foi mover arredor de 200 metros cúbicos de pedras, para o que tivemos que subir até aquí arriba unha pequena escavadora».

O outro grande reto do proxecto foi, asegura Martínez, «colocar a estrutura interior do torreón», para o que foi preciso un guindastre capaz de subila a máis de 50 metros de altura. O superar o reto valeu a pena -tampouco quedaba outra-, xa que esta seguramente sexa a grande xoia da intervención. A ela chégase pola andamiaxe que quedou da anterior fase -agora adecentada con madeira polo exterior-, que conecta a base da torre da homenaxe coa porta situada a media altura.

Unha vez dentro agora é posible seguir ascendendo ata chegar a un espectacular miradoiro desde o que apreciar a paisaxe e o desafío que debeu supoñer a construción de semellante fortaleza nunha pena que segundo José Antonio Alonso «é todo castelo, toda a rocha sobre a que se asenta está traballada como parte do castelo».

E agora que?
Unha vez finalizada esta terceira fase de actuacións no castelo, cómpre saber cal vai ser o seguinte paso en canto á súa posta en valor como recurso turístico que atraia visitantes e que, ao mesmo tempo, axude a comprender a súa dimensión histórica.

O vicepresidente provincial e responsable de Turismo, Xosé Regueira, referiuse ao castelo como «un enclave impresionante» que merece que se siga traballando nel. «Empezaremos a falar Concello e Deputación sobre que podemos achegar para avanzar nun mellor coñecemento da fortaleza e que sexa un recurso turístico e que estea a disposición das persoas con toda a seguridade posible». Entre os posibles proxectos que se poderían levar a cabo en relación coa fortaleza estaría «unha recreación virtual» de como era no pasado a edificación. «Este é un sitio onde podemos poñer en marcha un proxecto piloto destas características para afondar nun maior coñecemento da historia desta fortaleza, que ten un potencial iconográfico digno de valorar e de traballar nel».

Regueira vinculou tamén o castelo co proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Naraío encóntrase no extremo suroccidental do territorio que aspira a este distintivo da UNESCO e, en palabras do vicepresidente da Deputación, «tanto esta fortaleza como o castelo de Moeche son espazos de relevancia que teñen que xogar un papel importante nas diferentes rutas e produtos turísticos que se teñen que traballar no ámbito do xeoparque».

Pola súa banda, Secundino García asegurou que vai haber unha cuarta fase, aínda que matizou que esa intención municipal estará condicionada polos recursos económicos que o Concello sexa capaz de atraer. «Son intervencións cuantiosas e temos que implicar á Xunta de Galicia, que ten competencias en patrimonio, e tamén á Deputación, como foi neste caso, para sacar do esquecemento este castelo, que segue sendo un grande descoñecido na comarca, ademais de un recurso importantísimo no proxecto do xeoparque», apuntou o alcalde.

García adiantou que algunhas das posibles liñas de traballo: «Hai partes que hai que consolidar, hai sitios que se poden recuperar para facer unha interpretación, para saber como era con pequenas reconstrucións -non se trata de reconstruír o Castelo, os irmandiños tirárono e tirárono por algo e nós non imos volver facelo como era, pero si consolidar estas ruínas que son moi atractivas».

Á espera de que se avance na definición de próximas actuacións, o castelo está xa aberto ao público e pode visitarse con certa seguridade. Non seguridade total, posto que se trata dunha ruína situada nunha zona con grandes desniveis e con lugares esvaradíos. Por este motivo, desde o Concello pídese que os percorridos se fagan seguindo os sendeiros deseñados e que, no caso de facer a visita con cativería, mellor tela sempre canda nós.