Martes 31 de Marzo de 2020

A Consellería do Medio Rural promoverá dúas xornadas técnicas sobre a pataca na primeira semana de marzo


 Técnicos da Consellería desprazaranse ao concello ourensán de Xinzo da Limia o día 5 e ao coruñés de Coristanco os días 6 e 7 de marzo

A Consellería do Medio Rural promoverá dúas xornadas técnicas sobre a pataca na primeira semana de marzo. En concreto, técnicos da Consellería desprazaranse ao concello ourensán de Xinzo da Limia o vindeiro día 5 e ao coruñés de Coristanco os días 6 e 7 de marzo.

En ambos encontros os profesionais da Consellería do Medio Rural tratarán, en colaboración coa IXP Pataca de Galicia, a importancia do produto na economía local dos dous municipios, apuntando a aspectos clave como as distintas canles de comercialización dispoñibles ou cuestións de interese na mellora do futuro do sector. Seguidamente, técnicos da Consellería abordarán os labores preparatorios para a plantación da pataca, referíndose á preparación do solo, á fertilización e á plantación en si, así como aos tratamentos contra as pragas e enfermidades, aos métodos de recolección e almacenamento ou ao tratamento de residuos.

Os asistentes ás xornadas técnicas da pataca que se desenvolverán en Xinzo da Limia e Coristanco tamén terán a oportunidade de escoitar a experiencia dos produtores da Bretaña francesa, que lles achegarán os seus procedementos de cultivo, as distintas fórmulas de organización que se empregan en Francia e as posibilidades que presentan tanto as canles de comercialización convencionais como as alternativas.

Tras as intervencións en senllas iniciativas están previstas visitas a plantacións de pataca das respectivas zonas e almacéns. A maiores, o concello coruñés de Coristanco organizou unha segunda xornada de encontro con responsables de empresas distribuidoras, na que tamén estarán presentes técnicos da Consellería do Medio Rural.

Os interesados en participar nas xornadas de Xinzo da Limia poden inscribirse poñéndose en contacto coa Xefatura Territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural, a través do teléfono 986 386 477 ou o enderezo electrónico mediorural.ourense@xunta.gal. No caso de Coristanco, as inscricións faranse a través do concello coruñés, chamando ao teléfono 981 733 001 ou o enderezo correo@coristanco.gal.