Mércores 03 de Marzo de 2021

Rey: “A Cidade das TIC aspira a converterse nun referente nacional tecnolóxico”


 

A alcaldesa destaca que o concello realizará un importante esforzo co fin de dotar a zona de instalacións deportivas para uso e desfrute da veciñanza e dos preto de 2.500 traballadoras e traballadores deste novo proxecto que comezará a funcionar nun prazo de dous anos
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o
proxecto da Cidade das TIC xunto ao reitor da Universidade, Julio Abalde, nas
instalacións da antiga Fábrica de Armas, onde terá acubillo. A rexedora destacou
que A Coruña volverá ser un polo de atracción industrial e que a fábrica das TIC
“aspira a converterse nun referente nacional tecnolóxico”, da man da universidade e
co apoio absoluto do concello, posto que o crecemento tecnolóxico e económico é
sinónimo de benestar. Explicou que, nun prazo de dous anos, este novo xeito de
xerar economía baseándose en sinerxías empezará a funcionar con espazos
destinados á investigación e con todo tipo de servizos, co fin de lles facilitar a vida
ás preto de 2.500 persoas que traballarán nas TIC. Neste aspecto, Rey recordou o
compromiso do Goberno local por contribuír con terreos municipais ao desfrute da
veciñanza e do conxunto de traballadoras e traballadores coa creación de
instalacións deportivas.
Segundo a alcaldesa, a fábrica dará resultados en horizontal, froito da diferenza que
marquen as firmas aquí presentes con respecto ás outras da súa natureza, e en
vertical, para o que tocarán os distintos paus da cadea produtiva. Ao teren todo
concentrado -centros docentes, empresas e Administración- o conxunto gañará a

Nota de Prensa

forza suficiente como para producir máis beneficios e isto atraerá máis compañías:
“A Cidade das TIC desatascará A Coruña, unha iniciativa de desenvolvemento que
liga coa economía azul e con outras fórmulas de éxito, en que o contacto entre
investigadores, empresas e persoas usuarias deu e dá lugar á multiplicación do
coñecemento, á mellora exponencial da forma e do tempo en que se desenvolven
solucións tecnolóxicas de primeiro nivel”.
Pola súa parte, o reitor definiu a Cidade das TIC como un proxecto inmerso nun
marco estratéxico deseñado en paralelo ao plan innovador dixital da Xunta, do
Estado e de Europa, pensado para 2021-2030, en que se tratará de impulsar a
tecnoloxía en todos os sectores produtivos e de crear nodos en distintas áreas:
“Aspiramos a ser unha pata dese plan galego”. O representante da universidade
lembrou que o sector das TIC xa ten relevancia no PIB galego grazas ao incremento
nun 17% do volume de empresas que pertencen a el e ao aumento nun 26% dos
empregos especializados e de calidade: “Temos que ser capaces de atraer e reter
talento e de formar as e os traballadores en cuestións como a aprendizaxe
automática, o procesamento da linguaxe natural, sistema e recuperación de
información, visión artificial ou en sistemas intelixentes”.

Cun bloque administrativo e dedicado a espazos comúns como vertebrador do
conxunto, a fábrica acollerá o sector empresarial en seis naves, que contarán cun
Centro de Formación Avanzada e un Centro de Demostración 4.0, dotados estes
dous bloques cos recursos necesarios para que as firmas poidan realizar probas.
Ademais, haberá inmobles destinados a coworking, viveiro e aceleradora
empresarial, así como para a formación especializada. O resto das instalacións será
para servizos como comedor, cafetería, área social, deportiva e de expansión,
ximnasio, escola infantil, zona verde e aparcadoiro. Estase elaborando un plan
director de reforma do complexo, en que se recolle que en 2021 estea operativo o
Centro de Formación Avanzada e que o parque empresarial bote a andar en 2022.
Non serán fases secuenciais, senón que poderán funcionar en paralelo para que “A
Coruña sexa un referente nacional e internacional”, afirmou Abalde.