Venres 05 de Xuño de 2020

Os Concellos de Boqueixón e de Vila de Cruces reviven as batallas napoleónicas en dúas visitas teatralizadas a Ponte Ledesma


Os Concellos de Boqueixón e de Vila de Cruces presentaron este mediodía a terceira edición das súas Visitas Teatralizadas a Ponte Ledesma-Gres. As representacións terán lugar os domingos 8 e 15 de marzo ás 12:30 horas, cunha duración aproximada de unha hora e media. Os actores Suso Martínez e Pedro Brandariz darán vida ao capitán Benito Martínez e o abade Alonso Valladares para representae e narrar a batalla que se librou en Ponte Ledesma- Gres contra o exército de Napoleón.

Trátase da terceira edición dunha cita cultural que xa se está a consolidar entre o público, xa que combina ocio, cultura e coñecemento. O último ano a visita teatralizada completouse coa narración dos feitos acaecidos en marzo de 1809. E este exercicio, como novidade, os actores tamén recrearán os feitos acontecidos antes e despois da histórica batalla. En 2019 recrearon o duelo entre dous oficiais franceses, e en 2020 realizarán unha narración teatralizada por parte do capitán Benito Martínez –interpretado por Suso Martínez-, e a figura do sacerdote don Alonso Valladares –interpretado por Pedro Brandariz dos momentos previos e posteriores á batalla.
A presentación das visitas teatralizadas da ​Batalla de Ponteledesma desenvolveuse sobre a Ponte Vella de Ledesma, coa participación dos alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e de Vila de Cruces, Luis Taboada.

Fernández Munín destacou o éxito de público e a elevada valoración que obtivo esta actividade, “os últimos anos comprobamos que estas representacións teatrais teñen moito éxito, e por iso seguimos apostando por esta fórmula para conmemorar a batalla que os nosos antepasados libraron contra o exército de Napoleón”. Taboada, pola súa parte, explicou que as Visitas Teatralizadas deste ano “para nada son unha repetición”, posto que de novo inclúense diversas novidades e ademais insistiu na necesidade destas accións “para que a historia non se repita”.

Nós Comunicación, C/ Xesteira, Nº 2 – Local 3 – 15.220 Bertamiráns Tel 981 89 78 22

Na presentación desta mañá tamén fixeron a súa ​aparición os actores Suso Martínez e Manuel Sánchez. O actor que exercerá como guía adiantou que este tipo de propostas permiten que as persoas que as visiten coñezan capítulos históricos relevantes vinculados a lugares tan emblemáticos e singulares como Ponte Ledesma.

Como participar As Visitas Teatralizadas, que percorrerán a contorna máis próxima á ponte, conmemoran a batalla que se librou nela en 1809 entre as tropas de Napoleón e o exército de campesiños ao mando de Benito Martínez. O capitán e os seus lograron conter temporalmente o avance do exército francés grazas ao apoio da xente da zona que batallou armada con trabucos e apeiros de labranza.

Os interesados e as interesadas en participar nestas visitas teatralizadas gratuítas deberán inscribirse no Concello de Boqueixón (no teléfono 981 513 061 ou no e-mail ​boqueixonturismo@gmail.comou ou no de Vila de Cruces (chamando ao 986 582 017 ou enviando un correo electrónico a info@viladecruces.es​. O período para inscribirse á actividade conclúe o venres anterior a cada unha das representacións.